publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirma a condena para os pais de Asunta

Europa Press

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu este mércores unha sentenza na que desestima os recursos presentados por Alfonso Basterra e Rosario Porto e confirma a condena a 18 anos de prisión para cada un que determinou a Audiencia Provincial da Coruña polo asasinato da súa filla Asunta.

A sentenza, cuxa vista de apelación se celebrou o pasado 23 de febreiro, avala os feitos recolleitos como probados no auto orixinal do xuíz Jorge Cid Carballo, excepto no punto que se refire á participación directa de Alfonso Basterra na morte da nena.

De feito, introduce unha modificación nos feitos probados segundo a cal foi Rosario Porto a única culpable de asfixiar á súa filla Asunta, aínda que determina que isto o fixo “en execución do plan preconcibido” con Alfonso Basterra para acabar coa vida da menor.

Aínda así, e tras desestimar as irregularidades alegadas polas defensas dos pais, indica que a pena que cabe impor a Basterra por este caso é a mesma que a Porto, 18 anos de prisión por asasinato con agravante de parentesco e abuso de superioridade.

PROBAS INDIRECTAS

O TSXG admite no escrito que se carece dunha proba directa sobre o acto punible”, algo que ocorre “na maioría dos casos”, pero concede plena validez ás probas indiciarias existentes.

Neste punto, rexeita que se vulnerou o principio de ‘in dubio pro reo’, xa que non é aplicable “naqueles casos nos que existe algunha base razoable”, “aínda que existan outras posibilidades máis favorables para o reo, o cal sucede case sempre”, lembra.

A análise, apunta, leva a “corroborar os feitos declarados como probados polos xuíces xurados” fóra da participación directa de Basterra. “Entendemos que o concreto e material acto da asfixia perpetrouno Porto Ortega, aínda que inferimos tamén que Basterra Camporro é así mesmo autor do delito”, recolle.

O auto cualifica a sentenza da Audiencia de “coherente” e considera que as probas practicadas en sala “fornecen os feitos básicos probados de contido incriminatorio dos que flúen con naturalidade as conclusións obtidas polos xurados”.

Entre outras cuestións, menciona a adquisición en “grandes cantidades” de Orfidal -cuxo compoñente foi detectado despois no cadáver da menor-, os episodios nos que profesores dixeron ver mareada á nena con coñecemento de ambos os pais -que a recolleron e levárona ás clases- e as declaracións da propia menor a unha profesora, á que dixo que levaba “dous días durmindo” e que a súa nai lle deu “uns pos brancos”.

COMIDA FAMILIAR

Tamén pon de relevancia que o día da morte, o 21 de setembro de 2013, “comeron os tres xuntos no piso de Basterra” ao redor dos tres, e permaneceron alí até pasadas as 17,00 horas. “Un intre despois, é vista en compañía do seu pai por unha amiga”, indica a sala do Civil e do Penal do TSXG, á vez que lembra que unha cámara a grava dentro do coche da súa nai en dirección a Teo pouco despois.

A autopsia determinou que a nena morrera por asfixia por sofocación entre tres e catro horas despois da última comida e que nun rango similar de tempo inxerira unha dose tóxica de Orfidal, que as especialistas cifraron en, polo menos, 27 pastillas.

Xunto ao seu corpo, apunta a sala, localizáronse unhas cordas plásticas de cor laranxa que “coinciden en estrutura física e química coas atopadas na casa de Montouto”, polo que o alto tribunal galego cre que “inferir” que se trata da mesma corda “non pode tacharse de ilóxico nin dunha mera casualidade nin coincidencia”.

En canto aos episodios anteriores de sedación -datados do mes de xullo-, o auto lembra que a análise do cabelo de Asunta advertiu da inxesta desta sustancia e doutra similar “durante os tres meses anteriores” á súa morte, e que os pais atribuíron os episodios ao consumo de antihistamínicos que ambos negaron darlle de forma directa, cuxa “prescrición médica non existe” e que non se detectaron no seu organismo.

“Non acertamos a comprender o empeño en parapetarse aínda tras a administración de medicamentos antihistamínicos. Non existe ningunha proba sobre tal aplicación á nena: as persoas que a coñecen din ignorar que padecese alerxia (…), non se lle fixeron análise, nada consta sobre o particular no seu historial médico, a pediatra non pautou tratamento e non existe receita”, lembra a sentenza.

Ao mesmo tempo, apunta que as análises “non detectaron, a pesar de que se buscaron, resto algún de produtos semellantes”, aínda que si se localizaron restos de lorazepam, cuxa presencia é “incontestable”.

Na sentenza, o TSXG apoia os resultados da autopsia e asegura “non entender o intento gratuíto de descualificar” a testemuñas pola súa relación co xuíz instrutor”, á vez que apoia o papel desenvolvido polo presidente do Tribunal, Jorge Cid Carballo.

A “CONTRADITORIA” VERSIÓN DE PORTO

A sala do TSXG rexeita por “contraditoria” a versión dada por Rosario Porto sobre o que fixo a tarde da morte de Asunta e critica que a súa defensa poña en dúbida o momento do asasinato e da colocación do corpo na pista forestal para “facer encaixar” este feito coa súa versión. “O relato alternativo de Rosario Porto elévase sobre o baleiro”, resume o auto.

Máis aló, profunda no feito de que aos xurados “non se lles deu a oportunidade de decidir sobre as circunstancias da colocación do cadáver” na pista forestal, xa que “este asunto non foi sometido á súa atención no obxecto do veredicto” por petición da defensa de Alfonso Basterra. “Descoñecemos, pois, quen, como e, sobre todo, cando se depositou o cadáver”, resume.

Do mesmo xeito, lamenta que “todo o empeño” de Alfonso Bastera “se enfoque a desvincularse da administración do medicamento á nena” o día da súa morte e dá credibilidade á testemuña que o viu na rúa coa súa filla.

Pola contra, o auto di non compartir a “inferencia” efectuada polos xurados ao soster “a presenza de Basterra na casa de Montouto” o día do asasinato, baixo “un razoamento pouco racional”, xa que, efectivamente, non se lle ve en ningunha imaxe e non hai nada que o corrobore.

Con todo, cre “inequívoco” o feito de que “coñecía perfectamente o calamitoso estado da súa filla” os días que acudiu somnolenta a clase, algo que achacou “a un antihistamínico que, segundo el, administráballe Rosario, a pesar de que aqueles días durmiu na casa paterna”.

Estas cuestións, unidas á “correlación de datas entre a compra de Orfidal e os episodios de mareos”, fan que o TSXG considere a Basterra “autor da morte da súa filla”, na medida en que, “en unión paritaria” con Porto, “deseñou e executou actos do plan ideado para tal efecto”.

“Alfonso Basterra, aínda que non poida pormenorizarse de maneira total a súa actuación, participou, en plano de igualdade con Rosario Porto, sen datos que abonen unha intervención subordinada, na decisión, e tivo un dominio funcional do feito con achega ao mesmo de accións na fase executiva”, sinala o auto.

16 de marzo de 2016 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.