publicidade hoxe

O Sergas e o Concello de Salceda de Caselas colaborarán na construción dun centro de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSalceda de Caselas
A-
A+
Sinatura do convenio de colaboración

Sinatura do convenio de colaboración

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos David Besada Pérez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a construción dun novo centro de saúde.

O obxectivo é dar unha máis rápida atención asistencial á cidadanía. Por este motivo, as partes interesadas acordan unir aos seus esforzos e definen, mediante este documento, os compromisos que ambas administracións asumen.

Deste xeito, o Concello de Salceda comprométese á cesión gratuíta ao Sergas dunha parcela para a construción do centro de saúde. Ademais, asumirá os gastos derivados de facer chegar as infraestruturas existentes ao edificio, como son os accesos rodados e peonís, conexións aos sistemas de abastecemento, saneamento, subministro eléctrico, alumeado, telefonía e aparcamento, entre outros. Tamén facilitará toda a documentación necesaria para a redacción do proxecto de obras, incluídas as licencias e demais permisos urbanísticos.

Pola súa banda, a Administración sanitaria galega comprométese á elaboración, supervisión e á aprobación do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar as obras de construción do centro de saúde, con cargo aos seus orzamentos.

Tamén asumirá os gastos en bens correntes e servizos do terreo cedido, como son os gastos derivados de reparacións, mantemento e conservación, material, subministracións, comunicacións e transportes, entre outros.

Este convenio terá unha vixencia de tres anos, podendo ser prorrogado por mutuo acordo das partes asinantes antes da data da súa finalización, ata a consecución do seu obxectivo. Foron os trámites urbanísticos pendentes de reparcelación e impacto ambiental os que impediron iniciar antes estas actuacións.

Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade agradeceu á corporación municipal de Salceda de Caselas todo o traballo que levan facendo para acadar a consecución deste proxecto.

29 de marzo de 2016 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.