publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Sergas construirá un centro de saúde no concello de Melide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelide
A-
A+
Sinatura do convenio para a construción do centro de saúde. Foto: C. Paz

Sinatura do convenio para a construción do centro de saúde. Foto: C. Paz

O edificio administrativo da Consellería de Sanidade, no santiagués barrio de San Lázaro, acolleu, hoxe pola mañá, o acto de sinatura dun convenio de cooperación entre o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Melide, para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde neste municipio coruñés.

O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; e pola alcaldesa de Melide, Dalia García Couso. No acto estiveron presentes, así mesmo, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto; o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa; e a directora xeral de Recursos Económicos do mesmo organismo, Lourdes Vilachán Angueira.

O convenio recolle que, a fin de dar unha resposta aos problemas de saúde da colectividade, mediante unha máis rápida atención asistencial á cidadanía, faise necesario construír un novo centro de saúde no Concello de Melide. Conscientes de dita necesidade, as partes asinantes acordan unir os seus esforzos para acadar o obxectivo sinalado.

No documento hoxe asinado, o Concello de Melide comprométese a realizar todos os trámites patrimoniais urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión patrimonial ao Sergas dunha parcela libre de cargas e gravames, sen ningunha reserva, coa clasificación de uso sanitario, e comprométese a obter os permisos e autorizacións que foran necesarios para executar as obras de construción do novo centro.

Pola súa banda, a Administración sanitaria galega comprométese á elaboración, supervisión e á aprobación do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar as obras de construción do centro de saúde, con cargo aos seus orzamentos.

Plan funcional

Na actualidade, o Sergas ten elaborado un plan funcional no que se recolle a previsión dos espazos máis importantes que tería esta futura instalación da rede sanitaria pública galega. Así, na área de medicina xeral e de enfermería, o centro disporía de cinco consultas de medicina xeral, outras cinco de enfermería, unha consulta de matronas, unha sala de educación maternal, unha consulta de farmacia, dúas de odontoloxía, unha sala de fisioterapia, unha sala de extraccións e dúas salas polivalentes.

Na área de pediatría, o plan funcional recolle unha consulta de pediatría e outra de enfermería pediátrica.

Polo que respecta á área de urxencias, contémplase unha consulta de medicina, unha de enfermería e unha sala de reanimación.

O centro terá, tamén, a correspondente área de administración, arquivo, despachos e outros servizos comúns.

14 de marzo de 2016 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.