publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O obradoiro ‘Terras da Montaña I’ amplía as oportunidades laborais en Vilasantar, Boimorto, Sobrado e Curtis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoimortoCurtisSobradoVilasantar
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, destacou hoxe que a Xunta está a apoiar este ano os obradoiros de emprego con 14 millóns de euros na clausura e entrega de diplomas do programa mixto de formación e emprego ‘Terras da Montaña I’, que compartiron as localidades de Vilasantar, Boimorto, Sobrado e Curtis.

Marnotes explicou que a Xunta avoga por este tipo de iniciativas porque melloran a cualificación das persoas en paro, permítelles acceder a un emprego e, polo tanto, contribúen a fixar poboación no rural.

En ‘Terras da Montaña I’, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou con preto de 180.000 euros, participaron un total de 20 alumnos e alumnas que se formaron e recibiron un certificado de profesionalidade nas especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. O director xeral destacou que unha das prioridades da Xunta é apostar pola formación de calidade e, neste senso, sinalou que os obradoiros de emprego están vinculados á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional. “Estes programas son un instrumento eficaz para a mellora da empregabilidade porque ofrece formación de calidade e acceso a un emprego”, subliñou.

Deste xeito, os alumnos deste obradoiro de emprego, ademais de recibir formación, accederon a un emprego a través do que realizaron diversas actuacións nas catro localidades. Así, en Vilasantar acondicionaron xardíns e zonas verdes no contorno do local cultural de Vilariño e do Concello, e melloraron as fincas do Roseo e da Escola de Agricultura Ecolóxica. Tamén fixeron traballos nos xardíns e zonas verdes da área recreativa Fraga- Carballeira (antigo campo de fúbtol de Présaras) e o sendeiro fluvial ao longo dos ríos Gándaras, Tambre e Cabalar.

En Sobrado, melloraron os xardíns municipais de Santiago do Campo e de parcelas do arredor do campo municipal de fútbol. En Boimorto actuaron en Chousa Vella-Sendelle e nos contornos do albergue, centro de saúde e praza da Gándara. Por último, en Curtis humanizaron a senda peonil de Fonte Cabada e melloraron diversas áreas recreativas da localidade.

Por último, o director xeral indicou que outras das vantaxes dos obradoiros é o fomento da colaboración institucional, xa que estes programas lévanse a cabo coa coordinación da Administración local. Así, indicou que os obxectivos destes programas, que a Xunta seguirá a impulsar, son “a formación e capacitación, inserción laboral e a colaboración cos concellos”.

En definitiva, afirmou que cos obradoiros de emprego “gañan os traballadores porque teñen a oportunidade de formarse e incrementar a súa inserción laboral e os concellos e cidadáns porque melloran as infraestruturas e servizos dos concellos”.

2 de marzo de 2016 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.