publicidade hoxe

O obradoiro de emprego ‘Casa da música’ da Estrada amplía as oportunidades laborais e fixar poboación no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+
Europa Press
Covadonga Toca na clausura do obradoiro

Covadonga Toca na clausura do obradoiro

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Estrada na clausura e entrega de diplomas do obradoiro ‘Casa da Música’ no que un total de 15 persoas desempregadas formáronse e accederon a un posto de traballo na especialidade de Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas.

A iniciativa, que a Xunta desenvolveu en colaboración co Concello da Estrada, permitiu aos alumnos e alumnas recibir un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu neste programa máis de 130.000 euros co principal obxectivo de mellorar a empregabilidade e ampliar as oportunidades laborais dos seus participantes. Ademais, Toca resaltou a importancia dos obradoiros de emprego porque contribúen tamén a fixar poboación no rural.

A secretaria xeral de Emprego indicou, que un dos eixos principais da Axenda 20 para o Emprego é a formación e especialización ao longo da vida laboral dos traballadores e traballadoras galegos. Para iso, contén diversas medidas entre as que Toca salientou o apoio á creación de Unidades de Formación na empresa con compromiso de contratación e a posta en marcha dun proxecto piloto de Cheque Formación para que os desempregados teñan liberdade de elección para realizar os cursos. “Apostar pola aprendizaxe é apostar pola creación de emprego estable e de calidade”, subliñou.

Ademais da cualificación, os obradoiros permiten aos seus participantes acceder a un emprego e contribuír á realización dun servizo para a comunidade. No caso da Estrada, os beneficiarios do programa realizaron obras de adecuación do edificio de usos múltiples do Concello da Estrada para mellorar a actividade do Conservatorio de Música.

Outra das vantaxes destes programas é a colaboración institucional, xa que se realizan entre a Xunta e as administracións locais. Por todas estas vantaxes, Toca apuntou que o Goberno galego sigue a apoiar os obradoiros aos que destina este ano 14 millóns de euros.

28 de marzo de 2016 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.