publicidade hoxe

O Mosteiro de Melón recibe unha inxección económica do Ministerio de Fomento para a recuperación do Claustro da súa Hospedaría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelón
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, visitaron hoxe o Mosteiro de Melón, monumento no que o investimento de ambas as administracións ascende a máis de 4 millóns de euros. En concreto o Ministerio investirá 1,8 millóns de euros no desenvolvemento da primeira fase das obras de recuperación e rehabilitación do Claustro da Hospedaría do mosteiro; un investimento que se suma ao realizado polo departamento de Cultura da Xunta de Galicia nos últimos anos, que supera os 2,1 millóns de euros.

O proxecto é froito da política de colaboración entre administracións en prol da conservación dos bens sobranceiros do noso patrimonio. De feito, a Consellería asumiu a contratación e pagamento tanto do estudo arqueolóxico de depósitos como do proxecto da obra. Esta nova intervención enmárcase no Plan Director do Mosteiro. Nesta primeira fase o proxecto consiste fundamentalmente na rehabilitación das alas norte e oeste do claustro da hospedaría nas súas plantas baixa, alta e cuberta. Ademais, executarase a rehabilitación da porta exterior de acceso ao adro do mosteiro (torre leste) debido ao seu mal estado de conservación.

Na parte de entrada, no lado norte, crearase un vestíbulo con control de acceso, incorporando unha porta de vidro cara ao claustro, e recuperarase e sanearase o pavimento de granito existente. Na esquina noroeste disporase un núcleo de comunicacións verticais, con escaleira e ascensor, realizado en estrutura metálica, ocupando o lugar no que orixinalmente se dispoñía unha escaleira, hoxe desaparecida. No lado oeste crearase un único espazo, ao que se vinculará un núcleo de aseos.

No referido ao claustro restaurarase o pavimento existente, executando previamente unha rede de drenaxe así como as canalizacións necesarias en previsión de futuras instalacións. Así mesmo recuperarase a parte norte deste espazo facendo unha reinterpretación con materiais modernos respectando a xeometría e o ritmo do orixinal, dado que non se atoparon entre os restos existentes na parcela suficientes pezas como para a súa reconstrución cos materiais orixinais.

Plan Director e actuacións da Consellería

No ano 2015 a Consellería de Cultura e Educación executou traballos de consolidación estrutural dos paramentos interiores da esquina suroeste do cruceiro da igrexa do mosteiro, no seu encontro coa fachada principal, e substitución das cubertas das ábsidas da igrexa, deambulatorio e Capela do Cristo da Saúde, construíndo unha nova cubrición de tella sobre placas de fibrocemento e o illamento axeitado. Ademais, limpáronse, desinsectáronse e consolidáronse as pezas do retablo de san Xosé, na igrexa do Mosteiro; melloráronse desde o interior os muros da esquina suroeste da igrexa e da pilastra da esquina do claustro reglar e limpouse a fábrica do campanario da igrexa.

Con esta actuación completáronse as melloras realizadas no ano 2012, que incluíron a reparación do cimborrio, e o resto das cubertas do templo, así como o reforzo dun contraforte da esquina nordeste do claustro; así como as realizadas nos anos 2009 e 2010 para a consolidación deste Mosteiro.

Ademais, a Consellería financiou o Plan Director e de usos do conxunto do Mosteiro de Melón, elaborado polo arquitecto Juan Carlos Cabanelas, que analiza as posibilidades de rehabilitación deste ben histórico no actual marco económico e propón previsións a curto, medio e longo prazo, buscando que esta actuación sexa, a súa vez, compatible co seu valor cultural e o seu uso público.

21 de marzo de 2016 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.