publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG anuncia a licitación das obras de construción dunha senda no treito da AC-543 que une Laraño e Vidán con Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónSantiago de Compostela
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) anuncia hoxe a licitación das obras para a construción dunha senda peonil no treito da estrada AC-543 que une Laraño e Vidán co núcleo de Santiago de Compostela. Esta actuación terá un prazo de execución de 6 meses e un orzamento de 590.433,45 euros.

Este itinerario forma parte das actuacións recollidas no Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Santiago, onde se prevé, ademais, executar as obras necesarias para completar o percorrido entre a capital de Galicia e Brión, aproveitando os tramos xa existentes, sen necesidade de utilizar un vehículo a través de sendas e beirarrúas.

Así, ademais de Vidán-Laraño, está previsto realizar as sendas A Barcia-Roxos (concello de Santiago), Roxos- Aldea Nova (concellos de Santiago e Ames) e Aldea Buio- Monte Devesa (concello de Brión).

O prazo de presentación de proposicións rematará o vindeiro día 25 de abril, é dicir, o vixésimo sexto día natural que non coincida en domingo ou festivo, a contar desde o día seguinte ao de publicación no DOG.

As obras materializaranse con cargo á partida orzamentaria de fomento da mobilidade sostible urbana e interurbana recollida no proxecto de Orzamentos da comunidade para 2016 e co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O obxecto deste proxecto é a construción dun itinerario peonil seguro e accesible que permita a circulación de peóns pola marxe dereita da citada estrada, entre os pq 0+000 e 2+000, nas parroquias de Laraño e Vidán, comunicando estes núcleos con Santiago de Compostela.

O inicio da actuación sitúase na parroquia de Vidán, concretamente na glorieta que une a estrada coa Avenida da Mestra Vitoria Míguez e a Rúa Ponte Vella.

No tramo no que se actuará localízase un elevado número de vivendas e negocios, o que ocasiona un significativo tránsito de peóns que actualmente circula pola beiravía. Neste sentido, as accións proxectadas mellorarán a súa seguridade viaria, fixándose como punto básico a construción dun itinerario ao longo de 2 quilómetros na marxe dereita e dous pequenos tramos na marxe esquerda, co fin de separar o tráfico rodado do peonil.

No seguinte plano móstrase a configuración final do percorrido entre Santiago e Brión.

29 de marzo de 2016 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.