publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O certame literario “Balbino” premiará ao mellor relato con 1.500 euros e a publicación da obra

Presentación do concurso de relatos "Balbino"

Presentación do concurso de relatos “Balbino”

Un certame literario ve a luz baixo o nome dunha personaxe emblemática, “Balbino”, do célebre escritor Xosé Neira Vilas. Este concurso de relatos nace co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos escritores/as de Galicia. A presentación deste certame tivo lugar esta mesma mañá, en Santiago, contando coa presenza dos representantes das entidades colaboradoras; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luis Reimóndez; o alcalde do Concello de Vila de Cruces, Xesús Otero; o rexedor do Concello de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; e o responsable da empresa promotora do concurso, Manuel Núñez de Técnicas & Gramaxe. Ademais dos mencionados, neste proxecto tamén colabora a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O certame de relatos “Balbino” ten como temática o “rural galego” para por en valor a difusión da cultura galega. Dito concurso, de periodicidade anual, está aberto á participación de escritores e amantes da escritura, pois érguese como plataforma para dar a coñecer a novos literatos ou consagrar aos xa coñecidos.

Bases

O prazo estipulado para remitir os escritos finaliza o 30 de xuño de 2016 e, ditos relatos deberán cumprir unha serie de requisitos formais, marcando unha extensión de entre 120.000 e 180.000 caracteres e, como non, centrarse na temática rural galega.

A obra gañadora será elixida por un xurado profesional de recoñecido prestixio que darán o fallo no mes de setembro. O autor do relato premiado recibirá un premio dobre, un cheque por valor de 1.500 euros e a publicación da obra por Edicións Fervenza.

 

*Para coñecer máis sobre as bases e as especificacións de envío poderán acceder ás mesmas neste link.

2 de marzo de 2016 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.