publicidade hoxe

Nigrán adicará as inversións do “Plan Concellos 2016” a recuperar nas parroquias os espazos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigránPontevedra
A-
A+

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou hoxe a súa satisfacción pola decisión do Concello de Nigrán de adicar os recursos do “Plan Concellos 2016” aos veciños e veciñas recuperando para eles espazos públicos abandonados e na contratación laboral de trinta persoas.

Carmela Silva fixo hoxe a súa visita institucional ao concello de Nigrán, onde foi recibida polo seu alcalde, Juan González, quen informoulle dos proxectos que van desenvolver na vila coas subvencións do “Plan Concellos 2016”.

Precisamente o alcalde sinalou que grazas a nova Deputación “nos conceden o que nos corresponde, como a cada concello, algo que ate de agora non tíñamos”. Juan González sinalou que o groso das subvencións vanse adicar a recuperación dos espazos públicos abandonados en cada parroquia da vila e a contratación de trinta persoas todo o ano “con salarios dignos”.

Carmela Silva destacou que o concello de Nigrán vai contar cun 35,8 por cento máis de subvencións da Deputación neste ano 2016 do que dispuxo en 2015. En concreto, Nigrán percibirá 947.623 euros dos cales 213.215 euros para o plan de emprego e o resto a inversións.

Dentro destas inversións destacan a creación dun parque na rúa Ana Isabel Costas, en San Pedro, por importe de 141.703 euros; o parque mestre Xosé Vázquez Grela, en Nigrán, por importe de 106.277 euros; ou a humanización do Torreiro en Parada, por valor de 94.315 euros.

A Presidenta valorou moi positivamente as decisións do concello de Nigrán xa que os veciños e as veciñas deben recuperar o protagonismo da actuación política “porque ate de agora os espazos públicos estaban máis adicados as actividades económicas ou aos vehículos e é hora de ir recuperando as vilas para o desfrute de todos e todas”.

Aínda que non quixo adiantar os acontecementos, Carmela Silva, afirmou que a praza do concello tamén vai ser remodelada coa aportación doutros servizos da Deputación como a Escola de Cantería ou a Finca Areeiro.

Outro dos aspectos nos que a institución provincial vai colaborar co concello de Nigrán vai ser o turismo. “A Deputación –sinalou Silva- está a elaborar un plan turístico integral para toda a provincia do que, en breve imos ter as liñas mestras, e no cal queremos contar con todos os concellos. Neste proxecto, o de Nigrán ten moito que dicir por ser un concello referente na provincia en materia turística”.

A Presidenta tamén destacou que, por primeira vez, catro rapaces de Nigrán van poder participar nos campamentos de A Lanzada dun xeito gratuíto, unha vez seleccionados polos servizos sociais do concello “porque todo o mundo –sinalou Silva- ten dereito a desfrutar duns días de lecer e, sobre todo, aqueles rapaces que están a pasar coas súas familias problemas económicos”.

Por último, Carmela Silva mostrou o seu orgullo de contar con alcaldes como Juan González na provincia destacando que “para min Juan é un exemplo político de como ten que ser un alcalde con compromiso cos seus veciños e veciñas”.

31 de marzo de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.