publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente destinará dous millóns de euros á ampliación e mellora da depuradora da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co Concello da Laracha para executar a ampliación e mellora da depuradora deste municipio. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, ao alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, co que mantivo unha reunión e na que lle indicou que será necesario asinar un convenio de colaboración para a execución desta mellora nesta infraestrutura hidráulica, para o que será necesario un orzamento de case dous millóns de euros.

O obxectivo desta actuación é ampliar a capacidade da Edar da Laracha ata servir a unha poboación de máis de 7.000 persoas e mellorar o tratamento actual.

A EDAR de Laracha conta na actualidade cun pretratamento, un reactor anaerobio, dous reactores biolóxicos, un decantador secundario de 7 metros de diámetro e unha liña de lodos, con capacidade de tratamento para caudal medio 62,5 m3/h e punta 125 m3/h.

Coa mellora e ampliación, a capacidade de tratamento incrementarase ata 70 m3/h (punta ata 247 m3/h). Tamén está previsto a remodelación dos sistemas de pretratamento, e executarase un novo decantador secundario, así como deixar un espazo para construír un terceiro tanque, no caso de que no futuro poda necesitarse unha terceira liña de tratamento.

A EDAR actual mellórase coa incorporación dunha desinfección mediante ultravioleta, o que permitirá que a auga tratada cumpra uns requisitos de calidade máis estritos que os actuais. Tamén se prevé a renovación da liña de lodos.

No transcurso da reunión, a conselleira indicoulle ao alcalde que o proxecto, que prevé un período de execución de 24 meses, xa está redactado e supervisado, polo que despois da sinatura do convenio xa se poderán licitar as obras que se levarán a cabo en terreos que xa son titularidade do Concello, polo que se pode aforrar tempo nos distintos trámites administrativos necesarios.

1 de marzo de 2016 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.