publicidade hoxe

López-Chaves entrega os diplomas aos participantes no obradoiro de emprego ´Moaña Faculta´

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+
López-Chaves na entrega de diplomas

López-Chaves na entrega de diplomas

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, entregou esta mañá os diplomas aos 20 alumnos e alumnas que participaron no Obradoiro de Emprego ´Moaña Faculta´, un programa mixto de formación e emprego para persoas desempregadas concedido pola Xunta ao Padroado Municipal Beiramar, do Concello de Moaña.

O Obradoiro de Emprego comezou no mes de setembro no Padroado e ofreceu formación e emprego durante 6 meses a un total de 20 alumnos e alumnas en dúas especialidades: instalación e mellora de xardíns e zonas verdes e construción e colocación de pedra natural. Esta mañá levouse a cabo o acto de clausura do mesmo coa entrega dos diplomas, na que tamén estiveron presentes o presidente do Padroado Municipal Beiramar, Salvador Meira, o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, así coma os docentes, o equipo administrativo encargado do Obradoiro e membros da Corporación municipal moañesa.

López-Chaves gabou o traballo feito nestes últimos meses e a aposta da Xunta de Galicia pola xeración de emprego. Administración autonómica fixo posible este programa mixto cun orzamento total superior aos 178.000 euros.

Esta iniciativa abre un importante espazo de colaboración administrativa no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización dos recursos. Coma sinalou o delegado, o Goberno galego ten unha “enorme preocupación” pola xeración de emprego e, por isto, considerou este tipo de programas mixtos “unha oportunidade para ter máis oportunidades” deixando claro se trata de conseguir unha formación que permita aos alumnos e alumnas “ter traballo nun futuro”. Felicitounos así por rematar o Obradoiro e por “deixar pegada” no municipio co traballo feito por cada un dos alumnos e alumnas. “É bo non so pola formación senón tamén porque deixades pegada no Concello”, dixo. Por último, significou que dende a Administración autonómica se seguirá con esta iniciativa informando que para este ano a Xunta conta cun orzamento de 14 millóns de euros para dito fin.

O Obradoiro de Emprego ´Faculta Moaña´ ofreceu así formación e emprego a un total de 20 alumnos e alumnas en dúas especialidades: mantemento de xardíns e zonas verdes (10 persoas) e construción e colocación de pedra natural (10 alumnos) que, entre outras, levaron a cabo as seguintes actuacións. Na especialidade de mantemento e mellora de xardíns, realizaron actuacións no paseo Marítimo de Meira, paseo da Seara, paseo marítimo de Domaio, parque infantil de Domaio, de Samertolameu, da Cerradiña, de Masandía e xardín da praza do Concello. Mentres, na especialidade de construción e colocación de pedra natural, os 10 alumnos e alumnas levaron a cabo accións de recuperación e restauración de fontes tradicionais e lavadoiros públicos: Lavadoiro Fonte dea Tella, Lavadoiro da Porta do Sol, Lavadoiro do Pozo Negro, de Rialdalca, da Fonte dos Porcos e do Con.

O Obradoiro de Emprego alternou así a formación co traballo ou a práctica profesional en dúas especialidades que redundan positivamente nos participantes. Deste xeito preténdese unha dobre vertente: que as persoas desempregadas consigan aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional. Ademais, perciben o salario mínimo interprofesional toda vez que reciben formación para que logren una reinserción laboral posterior.

4 de marzo de 2016 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.