publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez avanza o investimento de 2,6 millóns de euros na construción de 9 novas sendas na comarca de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAmesBoqueixónBriónLocal PortadaSantiago de CompostelaTeoTouroVedra
A-
A+
Ethel Vázquez na presentación da construción. Foto: C. Paz

Ethel Vázquez na presentación da construción. Foto: C. Paz

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, anunciou hoxe que a Xunta investirá máis de 2,6 millóns de euros na construción de 9 novas sendas seguras e sustentables na comarca de Santiago, que sumarán 15,6 quilómetros de actuacións. Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou en rolda de prensa os itinerarios que se executarán nesta bisbarra.

A titular de Infraestruturas explicou que no verán estarán redactados os proxectos das sendas para proceder á licitación das obras a medida que se vaian recibindo. Concretou que mañá o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a liictación das obras da primeira das sendas, os 2 quilómetros que unirán Vidán con Laraño no termo municipal de Santiago.

Segundo explicou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, as sendas previstas permitirán, aproveitando os tramos xa existentes, completar o percorrido íntegro entre Santiago e Brión sen necesidade de utilizar un vehículo a través de sendas e beirarrúas. Así, ademais de Vidán-Laraño, está previsto realizar as sendas A Barcia-Roxos (concello de Santiago), Roxos- Aldea Nova (concellos de Santiago e Ames) e Aldea Buio- Monte Devesa (concello de Brión).

Ademais, o plan de actuacións na comarca de Santiago inclúe tamén as sendas Touro- Ponte Ulla (concello de Touro), A Susana-polígono industrial e A Susana- A Eirexe (ambas no concello de Boqueixón), San Gregorio- Rozadela (concello de Vedra) e Reis-Pontevea Norte (concello de Teo).

A conselleira destacou que estas actuacións proporcionarán aos veciños de Santiago e do seu contorno sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais. Neste sentido, salientou os beneficios que terán para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; as vilas, supoñendo menor conxestión de vehículos; e para o medio, significando menos contaminación.

Plan de Sendas de Galicia

Estas actuacións presentadas hoxe en Santiago están enmarcadas na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, que en total prevé a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís e para bicis. O Plan de Sendas desenvólvese no marco do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, aprobado o pasado mes de febreiro e que se fixa como obxectivo estratéxico reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas. Ademais alíñase cos obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia e coa Estratexia Europea 2020, en canto á promoción dunha economía baixa en carbono mediante o fomento dunha mobilidade sustentable.

A conselleira apuntou que a Xunta iniciou os traballos en 7 comarcas galegas, entre as que se atopa esta de Santiago. Así, nunha primeira fase acometeranse 55 novas sendas e un total 75 km, para peóns e para bicis, que suporán un investimento de 26,3 millóns de euros e progresivamente avanzarase nesta medida ata ter completados os 170 novos quilómetros de sendas.

O propósito fundamental desta iniciativa é promover sendas útiles e saudables, ao percorrer a distancia entre os núcleos urbanos e os centros de equipamentos e servizos como centros de saúde, áreas comerciais, lugares de lecer, escolas ou garderías.

O citado plan recolle actuacións coordinadas sobre a totalidade do territorio galego na procura de dous obxectivos prioritarios: protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, os usuarios máis vulnerables das estradas; e promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo desprazamentos alternativos á utilización do vehículo particular.

O Plan elaborouse partindo dunha análise global de toda a comunidade, priorizando aquelas comarcas nas que actuar primeiramente, atendendo a factores como:

• A situación dos núcleos de poboación, os servizos e os equipamentos
• O tráfico e a sinistralidade que rexistra cada treito da estrada
• A orografía e as pendentes do terreo
• O clima
• A facilidade de implantación
• A posibilidade de conectar con percorridos xa existentes

28 de marzo de 2016 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.