publicidade hoxe

Entréganse os diplomas aos 23 alumnos que participaron no obradoiro de emprego ´Terras do Miñor IV´

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+
Acto de entrega dos diplomas

Acto de entrega dos diplomas

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, entregou esta mañá os diplomas aos 23 alumnos e alumnas que participaron no Obradoiro de Emprego ´Terras do Miñor IV´, un programa mixto de formación e emprego para persoas desempregadas concedido pola Xunta á Mancomunidade do Val Miñor.

O Obradoiro de Emprego comezou no mes de setembro na Residencia de Tempo Libre de Panxón e ofreceu formación e emprego durante 6 meses a un total de 23 alumnos e alumnas -17 mulleres e seis homes- en dúas especialidades: operacións básicas de cociña e operacións básicas de restaurante e bar. Esta mañá levouse a cabo o acto de clausura do mesmo coa entrega dos diplomas, no que tamén estiveron presentes o presidente da Mancomunidade do Val Miñor e alcalde de Nigrán, Juan González; os rexedores de Gondomar e Baiona, Francisco Ferreira e Ángel Rodal, respectivamente, ademais do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, así coma os docentes e o equipo administrativo encargado do Obradoiro.

López-Chaves gabou o traballo feito nestes últimos meses e a aposta da Xunta de Galicia pola formación para conseguir xerar emprego. “Investimos en formación e nas posibilidades de ter maior capacitación para ter un emprego”, dixo o delegado, quen felicitou a todas as alumnas e alumnos por rematar o obradoiro e por estar agora “nunha situación mellor” que ao comezo do curso.

A Administración autonómica fixo posible este programa mixto cun orzamento total superior aos 204.000 euros sendo esta iniciativa un importante espazo de colaboración administrativa no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización dos recursos. Coma sinalou o delegado, o Goberno galego aposta claramente pola xeración de emprego e, por isto, considerou este tipo de programas mixtos necesarios para conseguir unha formación que permita aos alumnos e alumnas ter traballo nun futuro. De feito, significou que dende a Administración autonómica se seguirá con esta iniciativa informando que para este ano a Xunta conta cun orzamento de 14 millóns de euros para dito fin.

O Obradoiro de Emprego ´Terras do Miñor IV´ ofreceu así formación e emprego a un total de 23 alumnos e alumnas en dúas especialidades: operacións básicas de cociña (11 persoas) e operacións básicas de restaurante e bar (12 alumnas e alumnos). Entre as súas actividades prácticas: a elaboración de comidas e o servizo de restaurante para o comedor social da Mancomunidade; actos socioculturais e/ou deportivos polos concellos; exaltación dos produtos típicos da zona e limpeza de instalacións de titularidade municipal así coma a preparación de bebidas e mesas para actos dos concellos que conforman a Mancomunidade do Val Miñor.

O Obradoiro de Emprego alternou así a formación co traballo ou a práctica profesional en dúas especialidades que redundan positivamente nos participantes. Deste xeito preténdese unha dobre vertente: que as persoas desempregadas consigan aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional. Ademais, percibiron o salario mínimo interprofesional toda vez que reciben formación para que logren una reinserción laboral posterior.

23 de marzo de 2016 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.