publicidade hoxe

Cores Tourís comprobou o inicio das obras de mellora do firme das glorietas da PO-308

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+
Cores Tourís na visita ás obras

Cores Tourís na visita ás obras

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá o inicio das obras de mellora do firme das glorietas da PO-308 situadas no entorno da Lanzada, no concello de O Grove.

O delegado estivo acompañado nesta visita polo alcalde da localidade, José Cacabelos, o xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez, e o xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.

Segundo informou o delegado territorial, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten previsto que os traballos se leven a cabo durante os próximos tres días destinando 797,28 toneladas de mestura bituminosa en quente. Tamén se aplicarán 6.644 metros cadrados de rego de adherencia en emulsión, 1.570 metros cadrados de fresado de mestura bituminosa e se realizará o pintado de marcas viais con pintura acrílica en 2.820 metros.
José Manuel Cores Tourís destacou que con estas obras o entorno das praias da Lanzada “gañará en seguridade viaria”. “Non podemos esquecer que estamos a falar dunha estrada con elevado índice de circulación diaria, cuns 11.252 vehículos que se incrementan de xeito exponencial durante as épocas vacacionais. Esta obra é esencial de cara á chegada da Semana Santa”, engadiu.

Na actualidade, o firme nestas glorietas atópase bastante degradado, sendo os seus principais defectos a fisuración e o elevado pulimento do pavimento de rodadura, o que pode crear riscos de perda de adherencia por parte dos vehículos. “Estes feitos, xunto ao elevado tráfico que sufre a estrada e a importancia turística da zona fixo que a Consellería de Infraestruturas tomara a decisión de executar esta obra que conta cun orzamento que rolda os 60.000 euros”, explicou o delegado territorial.

As principais obras que se van a realizar neste punto será a execución dunha nova capa de rodadura, rego de adherencia, repintado de marcas viais no eixe, bordes e superficies, así como símbolos con pintura acrílica á auga e recrecido do bordo e lastra, con parte proporcional de estendido de terra vexetal.

O alcalde de O Grove, pola súa parte, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia, “xa que falamos da necesidade de mellorar estas rotondas fai unhas semanas e agora vemos que é unha realidade”. José Cacabelos aproveitou a visita do delegado territorial para solicitar melloras de seguridade viaria na entrada de Ardia.

15 de marzo de 2016 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.