publicidade hoxe

Cores Tourís clausura o obradoiro “Compromiso Social” de Ponteareas no que se formaron 20 desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareas
A-
A+
Cores Tourís na clausura do obradoiro

Cores Tourís na clausura do obradoiro

O delegado territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego “Compromiso Social e Coñecer Ponteareas”, acompañado do alcalde la localidade, Xosé Represas, e o xefe territorial de Economía, Traballo e Industria, Ignacio Rial.

O obradoiro tivo unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investirá algo máis de 178.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superarán os 200.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos foi preparar a 20 alumnos, aos que se sumou o persoal contratado para dar formación en atención sociosanitaria a persoas no domicilio e deseño de produtos gráficos. En concreto, formáronse 4 homes e 6 mulleres en atencion sociosanitaria a persoas no domicilio, e 2 homes e 8 mulleres en deseño de produtos gráficos.

“En total foron 26 as persoas que grazas a estes obradoiros, obteñen un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación a directora, a titora, os tres profesores dos cursos e o administrativo. No proceso selectivo contaron con vantaxe as mulleres e os parados de longa duración.

O delegado territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra recordou que a Xunta de Galicia aposta polos obradoiros “porque fomentan a formación, a inserción laboral e a colaboración cos concellos”, polo que no presente ano “continuaremos a traballar neste ámbito cun investimento que supera os 14 millóns de euros para toda Galicia”.

O obxectivo dos obradoiros de emprego “é claro: dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente, xa que hai que recordar que no proceso selectivo contan con vantaxe as mulleres e os parados de longa duración.

De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibiron o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que duraron estes proxectos.

“Estes programas son un instrumento eficaz para a mellora da empregabilidade porque ofrece formación de calidade e acceso a un emprego”, subliñou Cores Tourís. Outras das vantaxes dos obradoiros son a realización de obras e servizos para a comunidade e o fomento da colaboración institucional, xa que estes programas lévanse a cabo coa coordinación da Administración local.

Así, no caso de Ponteareas, o alumnado traballou durante estes seis meses no deseño de imaxes e cartelería para distintas festas no concello así como na mellora da calidade de vida das persoas que viven soas no seu domicilio en Ponteareas.

Cores Tourís recordou aos alumnos que agora “comeza unha nova etapa, a de buscar un posto laboral, para o cal contan xa cunha importante formación, especialmente relativa ao sector turístico”.

Pola súa banda, o alcalde, Xosé Represas, agradeceu ao delegado territorial que Ponteareas contase con este obradoiro que agora remata. “Para nós foi esencial esta iniciativa porque permitiu que varios desempregados do municipio puideran formarse durante 6 meses, o que lles dará máis garantías para poder optar a un posto de emprego no futuro”. Represas aproveitou para recordar que o concello pedirá dous novos obradoiros para este ano, un para menores de 25 anos, e o outro centrado en dous módulos: un sobre pequenas obras civís e outros sobre o sector sociosanitario.

Obradoiros como o de Ponteareas desenvolvéronse nos pasados meses en varios concellos de Pontevedra, onde se investiron 3,2 millóns de euros, o que permitiu desenvolver 20 obradoiros e beneficiar a case 500 persoas.

22 de marzo de 2016 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.