publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís anuncia a posta en marcha da rede de camiños da parcelaria das “Tres Nogueiras”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeis
A-
A+
Cores Tourís na visita ao Concello de Meis

Cores Tourís na visita ao Concello de Meis

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá a posta en marcha do proxecto da rede camiños principais na concentración parcelaria das “Tres Nogueiras” que beneficiará as parroquias de San Tomé, San Salvador e San Lorenzo e que conta cun orzamento que rolda o millón de euros. Tamén destacou que se pon en marcha a tramitación da parcelaria de San Martiño-Armenteira Sector I e Sector II.

O delegado territorial visitou o concello de Meis para informar destas novas ao alcalde da localidade, José Luis Pérez, acompañado da xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez Pacios.

Na concentración das “Tres Nogueiras”, a Xunta levará a cabo en 2016 a rede de camiños principais, as modificacións a bases definitivas e a inclusión de núcleos, así como o seguimento ambiental e arqueolóxico da obra da rede de camiños de servizo e obras. Esta concentración parcelaria ten unha extensión de 620 hectáreas.

Na actualidade, nesta parcelaria, estase a executar o proxecto de colaboración de servizos técnicos para a realización da revisión, actualización e adaptación do expediente da concentración parcelaria así como o proxecto de colaboración de servizos técnicos para a elaboración dos plans de ordenación de predios de especial vocación agraria que se desenvolve en varias zonas da comarca do Salnés.

Por outra banda, o delegado territorial tamén anunciou o inicio da tramitación das parcelarias de San Martiño Armenteira Sector I e Sector II, a primeira cunha superficie a concentrar de 833,85 hectáreas e a segunda de 333.

En 2016, en ambas concentracións, levarase a cabo a revisión da zona para a presentación das bases definitivas actualizadas, a inclusión dos núcleos rurais e a modificación do estudo de impacto ambiental.

“En total, entre as tres parcelarias, sumarán máis de 2.000 hectáreas de concentración, o que unido á xa realizada en Paradela, permitirá a este concello contar cunha superficie moi importante que facilitará a explotación agrícola do municipio, tanto en horta como en viñedo”, explicou Cores Tourís.

O alcalde da localidade agradeceu a Xunta o pulo que se vai dar as concentracións parcelarias deste municipio, “dando así cumprimento a promesa realizada polo presidente da Xunta cando visitou recentemente o noso concello”.

José Luis Pérez destacou que asistirá a todas as reunións necesarias para sacar adiante estas concentracións “xa que son o futuro dos nosos fillos e netos. E non podemos esquecer que a parcelaria necesita, ademais do traballo técnico da administración, da boa vontade de tódolos veciños. E nese senso temos que traballar”.

Achega de 22 millóns de euros
José Manuel Cores Tourís recordou a importancia de continuar cos procesos de concentración parcelaria, xa que permitirá mellorar a rendibilidade da actividade produtiva e facilitar que os predios abandonados ou que non formen parte de explotacións poidan mobilizarse para uso agrario. Ademais, a parcelaria axuda tamén a minimizar os efectos que poidan ter as grandes obras públicas ou explotacións de coutos mineiros, potenciar a conservación das zonas de maior interese ambiental, así como reducir as emisións que se derivan dos longos desprazamentos polas explotacións dispersas.

O delegado territorial recordou que a semana pasada o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, avanzou a achega de 22 millóns de euros en 2016, o maior investimento nos últimos sete anos, para impulsar a concentración parcelaria. “Na provincia de Pontevedra serán 10 millóns de euros os que se investirán nas parcelarias, é dicir, case o 45% do total previsto pola administración autonómica”, explicou Cores Tourís.

O obxectivo é multiplicar por tres o investimento dedicado a este fin, de cara a rematar as 137 zonas activas, que supoñen preto de 120.000 hectáreas, un millón de parcelas e 100.000 propietarios, e empezar a traballar nas zonas prioritarias agro-grandeiras.

A Xunta pretende finalizar administrativamente todas as concentración parcelarias iniciadas en Galicia nun prazo de catro anos. A orde de prioridade para decidir as actuacións será a seguinte: aquelas que favorezan o final de procesos de reestruturación parcelaria que estaban a piques da súa finalización definitiva; as que propicien o avance dos procesos de reestruturación que teñan unha incidencia económica importante; e os traballos previos ao decreto de utilidade pública de novas zonas de reestruturación parcelaria.

9 de marzo de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.