publicidade hoxe

Carmela Silva e a alcaldesa de Tomiño inauguran a mostra itinerante “Mulleres en acción: violencia zero”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraTomiño
A-
A+
Carmela Silva na inauguración da mostra

Carmela Silva na inauguración da mostra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañadas da deputada provincial Digna Rivas, da concelleira de Igualdade de Tomiño, Olga Orduña, da artista Mónica Mura e da comisaria da mostra, Paula Cabaleiro, inauguraron esta mañá, con motivo do Día Internacional da Muller, a exposición que recolle os resultados do proxecto de acción artística contemporánea “Mulleres en acción: violencia zero”, levado a cabo o pasado 25 de novembro no espazo público de dez concellos da provincia, entre os que se atopaba Tomiño. Esta mostra itinerante, que se poderá visitar durante o mes de marzo na localidade, percorrerá os concellos nos que se desenvolveu o proxecto para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da problemática da violencia machista. En palabras de Carmela Silva, “esta exposición é un grito colectivo contra o maltrato que sofren as mulleres, que, en moitas ocasións, acaba en asasinatos”.

Carmela Silva subliñou que Tomiño foi seleccionado para inaugurar a exposición “Mulleres en acción: violencia zero” con motivo do Día Internacional da Muller porque “queriamos que fose nun concello liderado por unha muller para reivindicar, de forma xestual, que as mulleres estamos a ocupar os espazos que merecemos”. Neste contexto, Silva engadiu que “unha sociedade non pode ser democrática se máis da metade da súa poboación non participa nela, se non se pon a disposición de todos os colectivos as nosas capacidades e intelixencia” e manifestou que “unha sociedade que permite que se esgote o talento de máis da metade da súa poboación non é intelixente. Por iso estamos aquí, para reivindicar o noso espazo”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra rematou a súa intervención facéndolles unha homenaxe ás mulleres pontevedresas e galegas que “tanto fixeron para que estas que hoxe estamos aquí poidamos ocupar os espazos que merecemos”. Silva destacou que “nós fomos ás universidades porque as nosas nais se empeñaron, porque tiñan conciencia da necesidade de que tivésemos formación e ocupásemos os espazos”. A presidenta concluíu manifestando que “a estas mulleres queremos dar as grazas porque sodes un exemplo para as que hoxe loitamos por seguir avanzando”.

O proxecto “Mulleres en acción: violencia zero” foi unha proposta que se desenvolveu o pasado 25 de novembro nos concellos de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis co obxectivo de fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica e, ao tempo, promover a visibilidade das artistas novas galegas, realizando un achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos, da experiencia e da creación colectiva, incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.

Artistas coma Carme Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova foron as encargadas de dar corpo a “Mulleres en acción: violencia zero”. Os resultados das súas performances poderán verse a partir do hoxe e durante todo o mes de marzo en Tomiño; en abril en Lalín; en maio en Tui; en xuño en Moaña; en xullo en Redondela; en agosto en Vilagarcía de Arousa; en setembro en Cangas; en outubro en Caldas de Reis; e, finalmente, en novembro en Vigo.

8 de marzo de 2016 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.