publicidade hoxe

Camariñas volverá a converterse na capital mundial do encaixe durante esta Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioCamariñas
A-
A+
Presentación da XXVI edición da Mostra de Encaixe de Camariñas

Presentación da XXVI edición da Mostra de Encaixe de Camariñas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá, xunto co alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso de León, e a edil da localidade Sandra Insua, no acto de presentación da XXVI edición da Mostra do Encaixe de Camariñas, que este ano se celebrará entre o 23 e o 27 de marzo e contará cun total de 52 postos nos que o encaixe de palillos e a artesanía da Costa da Morte serán os protagonistas.

O presidente da Deputación afirmou que se trata dun evento “importante a nivel local”, pero que conta tamén cunha ampla “repercusión internacional” e subliñou a longa traxectoria de colaboración entre o Concello de Camariñas e a institución provincial para potenciar a Mostra dende a súa primeira edición.

“Na Deputación cremos que a Costa da Morte ten dereito a labrarse un futuro”, afirmou Valentín González Formoso, que sinalou que esta filosofía a entenderon moi ben presidentes como Salvador Fernández Moreda, que contribuíron ao despegue dun evento que pretende “potenciar e ensinar ao mundo esta labor artesanal que fan máis de 1.000 mulleres da Costa da Morte” e que é froito dunha “longa tradición”.

Neste sentido, explicou que a Deputación da Coruña manterá neste mandato o seu compromiso de apoio ao certame, ao que este ano destinará 149.000 euros, dos que 29.000 se destinan a gastos de imprenta, que inclúen dende os carteis, os programas ou as guías turísticas ata as bolsas dos postos e as entradas. “A maiores ímoslle dar á Mostra do Encaixe de Camariñas todo o apoio institucional que faga falta, porque o noso compromiso coa Costa da Morte é moi firme e queremos demostralo con feitos”, afirmou o presidente provincial coruñés, que confirmou a súa asistencia ao evento o próximo 23 de marzo.

Pola súa banda, o alcalde camariñán agradeceu o apoio da institución provincial para esta nova edición da Mostra do Encaixe “que non é só unha festa, senón unha actividade económica cunha repercusión enorme” para o que definiu como “Concello do Encaixe” que integra a zona de Camariñas, Vimianzo e Muxía.

Alonso de León destacou que a feira supón tamén “facer país” e contribuír á “Marca España dende Camariñas”, dada a “calidade e categoría” dun evento ao que asisten delegacións de catorce países, que durante estes catro días terán a oportunidade de comprobar a excelencia dos encaixes que, nestas terras, elaboran dende hai anos as mans expertas das palilleiras.

Encaixe de Camariñas no Titanic

O rexedor camariñán subliñou tamén a longa historia que vincula a arte manual do encaixe co pobo de Camariñas e contou curiosidades como que, dende a organización da exposición oficial sobre o Titanic, contactaron co Concello para solicitarlles unha peza de encaixe, pois no barco, afundido en 1912, viaxaban pezas elaboradas na localidade.

Pola súa banda, a edil responsable da Mostra, Sandra Insua, destacou “a evolución como industria” do encaixe, que pasou de ser un complemento de outras actividades e “un salvavidas económico para familias en apuros” a ser “unha fonte de inspiración para os grandes deseñadores de moda”.
Insua subliñou tamén o importante impacto económico que ten o evento na localidade, ao que asisten cada ano máis de 20.000 visitantes, cun gasto medio diario per cápita de 60 euros.

Claudina Mata (Granada), Ana Cabranes e Cristina Llamas (Asturias), Esteban Freiría (Málaga), José Mateos (Coruña), Janet Schultz (Vigo), Sanmar (A Coruña), Modesto Lomba, Mar Balmón, e Yono Taola (Madrid) son os deseñadores de todo o país que participarán nesta edición do certame, xunto coas deseñadoras de Camariñas, María Campaña e Katy Mouzo de León.

4 de marzo de 2016 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.