publicidade hoxe

A Xunta destinará este ano máis recursos e aumentará os servizos dirixidos á atención de persoas autistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro Vázquez, visitou hoxe o Centro de Día da Asociación de Pais e Nais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes) situado no municipio coruñés de Culleredo. Esta actividade enmárcase na rolda de visitas a equipamentos e servizos para persoas con discapacidade que está a manter Piñeiro Vázquez, co obxectivo de coñecer de primeira man as súas necesidades e estudar posibles novas vías de colaboración por parte da administración autonómica.

A directora xeral encomiou o traballo que desenvolven en Galicia entidades como Aspanaes para mellorar a calidade de vida das persoas con autismo e das súas familias a través da especialización na atención e da procura da integración social, un obxectivo que comparte e polo que tamén se esforza a Xunta de Galicia Neste sentido, lembrou que o Goberno galego reforzou para este ano 2016 o seu compromiso coas persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e os seus familiares, incrementando en máis dun 25% o convenio de colaboración que mantén Federación Autismo Galicia, superando así por primeira vez os 155.000 euros.

Ademais, a Comunidade Autónoma conta con preto de 200 prazas concertadas para as persoas que sofren este trastorno en centros tanto de día como residenciais, a cuxo financiamento destina máis de 3,5 millóns de euros ao ano. A intención da Consellería de Política Social é continuar aumentando este ano os servizos dirixidos ás persoas con autismo e outras discapacidades.

1 de marzo de 2016 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.