publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta avoga pola formación especializada dos obradoiros de emprego para menores de 30 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego ‘A Laracha-Arteixo pola capacitación xuvenil’ no que preto de 20 persoas desempregadas, todas elas menores de 30 anos, recibiron unha formación especializada e accederon a un posto de traballo.

En concreto, os participantes recibiron a través deste programa, no que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu preto de 175.000 euros, cualificación e un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional nas especialidades de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais e Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Ao mesmo tempo, traballaron en actividades administrativas nas oficinas municipais dos Concellos da Laracha e Arteixo e fixeron labores de xardinería no parque forestal de Monticaño.

Toca sinalou que este programa ampliou as oportunidades laborais dos seus participantes e salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas galegas “para competir, crecer e xerar emprego”. Por iso, destacou que na Axenda 20 para o Emprego da Xunta a formación, capacitación e especialización é un eixo prioritario.

Así mesmo, lembrou que nesta aposta pola formación, os obradoiros de emprego están vinculados á obtención dun certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional. De feito, o Goberno galego ten apoiado desde 2009 actividades que permitiron que preto de 50.000 galegos e galegas obtiveran un certificado de profesionalidade.

A secretaria xeral de Emprego sinalou, ademais, a importancia da colaboración institucional para a posta en marcha destes programas mixtos de formación e emprego, resaltando que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos seus veciños”.

Por todas estas vantaxes, indicou que a Xunta segue a apoiar os obradoiros aos que destina este ano 14 millóns de euros. “O principal obxectivo do Goberno galego é facilitar ás persoas sen emprego unha maior inserción laboral garantindo a calidade e estabilidade”, precisou Toca, ao tempo que afirmou que “a aposta polo emprego é o reto principal sobre o que xira toda a política económica da Xunta”. Neste senso, salientou que a meirande parte dos apoios da Consellería están ligados á creación ou mantemento de postos de traballo.

En definitiva, Toca explicou que a Xunta traballa para darlle un novo pulo ao emprego. “Polo que traballamos a diario é para que a recuperación económica chegue a todos os fogares a través do emprego e que os traballadores recuperen o seu poder adquisitivo”, rematou.

18 de marzo de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.