publicidade hoxe

A Xunta avoga en Touro polos obradoiros de formación especializada e acorde ás demandas do mercado laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego ‘Ulla-Tambre’ que compartiron os concellos de Touro e do Pino. Os 20 participantes recibiron un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.

Marnotes salientou que unha das prioridades da Xunta é apostar pola formación de calidade e, neste senso, explicou que a Xunta vén de activar a Axenda 20 para o Emprego con 180 millóns este ano, que inclúe como un dos seus eixos principais a formación, capacitación e especialización dos traballadores e traballadoras ao longo de toda a súa vida laboral. Ademais, esta folla de ruta, que promoverá o emprego estable e de calidade, inclúe medidas de formación acordes á demanda actual do mercado laboral, como é o caso dos obradoiros de emprego.

Neste senso, Marnotes sinalou que “estes programas son un instrumento eficaz para a mellora da empregabilidade porque ofrece formación de calidade e acceso a un emprego”.

Outras das vantaxes dos obradoiros, segundo resaltou o director xeral, son a realización de obras e servizos para a comunidade. Neste caso, os alumnos e alumnas realizaron ao longo dos últimos 6 meses traballos forestais e de xardinería en diversos espazos públicos de Touro e O Pino.

Así mesmo, os programas mixtos de formación e emprego fomentan a colaboración institucional, xa que se levan a cabo coa coordinación da Administración local. Así, indicou que os obxectivos destes programas, que a Xunta seguirá a impulsar este ano con 14 millóns de euros, son “a formación e capacitación, inserción laboral e a colaboración cos concellos”. No programa ‘Ulla-Tambre’, a Xunta participou cun investimento de preto de 180.000 euros.

“O noso reto principal é facilitar a inserción laboral garantindo a calidade e estabilidade e devolver os postos de traballos ás persoas que continúan desempregadas”, apuntou Marnotes. Por iso, para rematar, resaltou que a aposta polo emprego e polas persoas con maiores dificultades de acceso a un posto laboral é o reto principal da Administración autonómica para que “a recuperación económica chegue a todos os fogares galegos”.

4 de marzo de 2016 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.