publicidade hoxe

A Xunta amplía as oportunidades laborais dos menores de 30 anos a través do obradoiro ‘Cambados Emprego Xuvenil’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Cambados na clausura e entrega de diplomas do obradoiro ‘Cambados Emprego Xuvenil’, un taller específico para menores de 30 anos no que un total de 20 mozos e mozas desempregados recibiron formación e accederon a un emprego.

A iniciativa, que forma parte do programa de Garantía Xuvenil e na que a Xunta investiu preto de 180.000 euros, levouse a cabo en colaboración co Concello de Cambados. Os participantes recibiron hoxe un certificado de profesionalidade nas especialidades de Confección e publicacións de páxinas web nivel 2 e Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil nivel 2.

Os alumnos e alumnas, ademais, grazas á formación recibida a través deste obradoiro, elaboraron a web turística ‘Descubre Cambados’ e realizaron propostas de marketing sociocultural e unha programación de actividades culturais dirixidas a nenos e nenas e mozos e mozas da localidade arousá.

A secretaria xeral de Emprego, que estivo acompañada no acto polo delegada territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou a aposta da Xunta polos programas mixtos de formación e emprego, xa que ao tempo que ofrecen “formación de calidade” e, polo tanto, serven para enriquecer o currículo, os participantes acceden a un posto de traballo, o que contribúe a fixar poboación nos concellos.

Toca, así mesmo, salientou a importancia dos obradoiros xuvenís, xa que as actividades que se levan a cabo están relacionadas coa titulación ou formación previa que os mozos e mozas posúen ou, en todo caso, teñen que redundar na mellora do seu nivel de competencia profesional.

Afirmou que o obxectivo último dos talleres específicos para menores de 30 anos é seguir reducindo as cifras de desemprego xuvenil, salientando que o número de persoas desempregadas menores de 30 anos reduciuse nun -13,37 por cento no mes de febreiro con respecto a hai un ano, segundo os últimos datos de paro rexistrado.

A secretaria xeral de Emprego indicou, ademais, que “apostar pola formación e a aprendizaxe é apostar pola creación de empregos estables e de calidade” e, ao respecto, asegurou que unha das prioridades do Goberno galego é mellorar a cualificación dos traballadores e traballadoras, ofrecéndolles unha formación vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional, como é o caso dos obradoiros.

Axenda 20 para o Emprego

Deste xeito, sinalou que a formación dos traballadores e traballadoras ao longo de toda a súa vida laboral é clave e é un dos eixos prioritarios da Axenda 20 para o Emprego, a nova folla de ruta da Xunta en materia laboral. Neste ámbito, a estratexia inclúe entre as súas medidas a creación de Unidades de Formación na empresa para impulsar con 2 millóns de euros a especialización e capacitación con compromiso de contratación e a posta en marcha do proxecto piloto ‘Cheque Formación’ para que as persoas desempregadas teñan liberdade de elección e lles acredite para realizar accións formativas concretas dirixidas a mellorar a súa empregabilidade.

Así mesmo, a secretaria xeral de Emprego explicou que os obradoiros de emprego contribúen á realización dun servizo para a comunidade e tamén fomentan a colaboración institucional, xa que se realizan en coordinación coas Administracións locais.

En definitiva, Toca sinalou que a Xunta está a darlle un novo pulo ao emprego, preparando á mocidade para ser capaces de adaptarse ao entorno laboral cambiante no que se atopa Galicia e impulsando a formación nos sectores estratéxicos e emerxentes. “Investir en cualificación é apostar pola creación de emprego e novas oportunidades” rematou.

31 de marzo de 2016 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.