publicidade hoxe

A Xunta adxudicará unha nova vivenda en réxime de alugueiro social na Cañiza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia adxudicará unha nova vivenda cedida por Abanca no concello pontevedrés da Cañiza a unha familia con fillos menores en situación de exclusión social. A Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra estudou o caso na súa reunión de hoxe e propuxo a adxudicación directa da vivenda, que será definitiva mediante resolución da conselleira de Infraestruturas e Vivenda.

A vivenda que se adxudicará ten dous dormitorios e foi cedida por Abanca ao Instituto Galego da Vivenda e Solo en virtude do convenio asindo o pasado verán, en virtude do cal a entidade de crédito se comprometeu a cederlle á Administración autonómica 100 vivendas desocupadas para destinar a alugueiros sociais. Así mesmo, Abanca comprometeuse a non executar desafiuzamentos por procesos de execución hipotecaria e facilitar que os afectados puidesen permanecer na vivenda a través dun arrendamento social, apoiado pola Xunta.

O pasado 10 de marzo a mesma Comisión Provincial de Vivenda propuxo a adxudicación doutra vivenda, tamén cedida por Abanca no concello da Cañiza, a unha familia en situación de exclusión social.

Por outra parte, hoxe asináronse os contratos de dúas vivendas adxudicadas en réxime de alugueiro social no concello de Vigo. Unha destas vivendas foi cedida pola Sareb á Xunta e a outra é unha vivenda de promoción pública propiedade da Xunta.

17 de marzo de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.