publicidade hoxe

A Garda Civil localizou roupa ensanguentada do ancián de Chancelas nas vivendas das acusadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPoioSucesos
A-
A+
Europa Press

Axentes da Garda Civil desvelaron este mércores en sede xudicial que acharon roupa manchada con sangue da vítima nos rexistros practicados nas casas de Albertina T. e de Rocío G., acusadas do asasinato a golpes de Secundino Prego.

Na terceira xornada do xuízo que se está a celebrar na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra polo denominado crime de Chancelas, en Poio (Pontevedra), os axentes do Instituto Armado explicaron que a hipótese do roubo foi descartada polas “incoherencias” que puxeron de manifesto as acusadas nas súas respectivas declaracións.

Ademais, chamaron a atención sobre a “estraña” actitude de Albertina durante o funeral de Secundino, xa que revelou detalles da morte do ancián que non tería que coñecer porque “en ningún momento” os investigadores lle permitiron acceder ao corpo nin lle contaron o que sucedera.

Os axentes tamén sinalaron outras contradicións no relato das acusadas, como a hora da chamada ao 112, e tampouco o escenario do crime encaixaba, segundo o seu criterio, co dun roubo con violencia. E é que a única pegada que había na porta forzada era de Rocío e, durante o rexistro da vivenda, atopouse dentro dunha bolsa de lixo a ‘thermomix’ que Albertina afirmaba que levaran os ladróns.

Adicionalmente, recordaron que Rocío confesou que matara a Secundino con numerosos golpes “bastante fortes” co seu propio bastón –que rompeu en varios anacos–, cunha baldosa de terraza, unha pedra de granito e ata unha cazola.

“Había que cravarlle algo porque seguía con vida e queixándose”, dixo á Garda Civil, segundo o testemuño destes axentes. De feito, referiron que se atopaba “fóra da realidade, coma se estivese colocada”, mentres que Albertina mantiña unha actitude “normal” e mesmo “se ría ás veces” mentres era atendida polo suposto atraco.

30 de marzo de 2016 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.