publicidade hoxe

A Dirección Xeral de Xuventude pon en marcha o programa Ágoraxove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilalba
A-
A+

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acudiu hoxe á inauguración do programa de participación xuvenil ÁgoraXove en Vilalba, destinado a fomentar e consolidar o protagonismo dos mozos e mozas a través da creación de foros que faciliten a participación da xuventude galega na vida social, económica e cultural.

Na inauguración do primeiro dos doce foros que se desenvolverán no marco do programa, Cecilia Vázquez destacou que “mediante iniciativas como estas, podemos apoiar a posta en marcha de ideas innovadoras no ámbito social e profesional e promover a participación e o diálogo, creando espazos de encontro entre os mozos, a administración e a sociedade civil, co fin de intercambiar información e experiencias sobre temas de interese para a mocidade”.

A temática e o programa de actividades de cada un dos foros está deseñado en función das particularidades sociais, económicas e culturais do ámbito territorial no que se desenvolva. Deste xeito, o foro de Vilalba denomínase ÁgoraRural e o perfil do seu programa de actividades está enfocado ás oportunidades para os mozos e mozas nos pequenos e medianos concellos.

A primeira das mesas redondas estivo enfocada aos retos e oportunidades xuvenís no rural e contou con poñentes das esferas empresarial, educativa e financeira. ÁgoraRural en Vilalba contou coa participación do catedrático da Universidade de Santiago, Jorge Mira, que fixo unha reflexión en clave biográfica da pegada do rural na súa carreira profesional. Tras un monólogo en clave de humor sobre a educación non formal no rural a cargo de Pedro Brandariz, o foro rematou cunha mesa redonda onde 6 mozos e mozas relataron a súa experiencia creando novas oportunidade empresariais en concellos de pequeno tamaño no sector primario e nos eidos deportivo, social ou cultural.

Os asistentes aos ÁgoraXove son membros de entidades, asociacións xuvenís ou grupos informais; antigos participantes nos programas de Xuventude, técnicos de Xuventude e de Emprego, concelleiros de Xuventude, monitores e mozos e mozas en xeral.

Os foros tamén contarán cunha área de asesoramento sobre asociacionismo e participación nos programas de educación non formal da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Ademais do ÁgoraRural celebrado en Vilalba, o programa ÁgoraXove celebrarase tamén en Santiago, Palas de Rei, Ourense, Vigo, A Estrada, Betanzos, Bergondo, Marín, Vilanova de Arousa, Curtis e Ferrol.

4 de marzo de 2016 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.