publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra financiará o sobrecusto de urbanizar Luis Rocafort na súa totalidade e con maior calidade urbana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSanxenxo
A-
A+

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que a Deputación de Pontevedra mellorará a urbanización prevista para a avenida Luis Rocafort de Sanxenxo, ampliará o ámbito de actuación a toda a vía e financiará o sobrecusto derivado de todas esas actuacións. A institución provincial pasará de achegar 606.000 euros a máis de 1,15 millóns de euros, o que supón o 70 % do investimento total na rúa (1,65 millóns de euros). “Consideramos xusto e razoable que, tras mellorar o proxecto, debemos asumir tamén o seu financiamento, tal e como está recollido nos novos criterios de actuación provinciais”, subliñou o deputado.

Segundo indicou Benítez, a Deputación tomou a decisión de corrixir e aumentar o proxecto inicial de Luis Rocafort para solucionar graves deficiencias en materia de mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria, así como renovar o saneamento, que non estaba contemplado no traballo contratado pola anterior Corporación provincial. “Temos uns novos criterios de priorización da mobilidade e a actuación de Luís Rocafort é de demasiada relevancia como para deixala pasar como estaba. Estudamos o proxecto existente e tiramos a conclusión de que non cumpría a normativa vixente e non tiña a calidade que merecía para unha zona urbana”, subliñou o deputado.

Hai que lembrar que a Deputación de Pontevedra aprobou recentemente no Pleno un decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais. Nel establece que calquera actuación na rede de estradas de titularidade provincial debe ter como filosofía máxima garantir tránsitos peonís seguros en convivencia co tránsito rodado. O novo proxecto para Luis Rocafort, redactado desde o departamento provincial de Mobilidade, cumpre eses criterios de actuación e mellora sensiblemente a calidade urbana prevista inicialmente.

As novas beirarrúas terán largos de entre 2,5 e seis metros, limitarase a velocidade a 30 quilómetros por hora, instalaranse máis de 60 luminarias para garantir a seguranza viaria (no proxecto inicial prevíanse 14), construiranse cinco pasos de peóns sobreelevados e outras cinco plataformas elevadas nas interseccións, colocaranse estacionamentos de bicicletas e motocicletas, así como novo mobiliario urbano e máis de medio cento de palmeiras, entre outras melloras. “Trátase de transmitir que é unha vía urbana na que hai prioridade peonil, coidando moito os tránsitos de persoas con mobilidade reducida na conexión coa praia de Silgar”, explicou o arquitecto Jesús Fole, redactor do deseño.

Outra das novidades que explicou Uxío Benítez é que se urbanizará a totalidade da vía, incluíndo a conexión coa PO-308: actuarase en 100 metros máis de lonxitude (575 metros lineais) e en 12.381 metros cadrados de superficie fronte aos 9.416 metros iniciais.

Todas estas actuacións, segundo Benítez, supoñen un sobrecusto de máis de medio millón de euros con respecto ao primeiro deseño. Logo de estudar todas as posibilidades burocráticas para afrontar o gasto, a Deputación decidiu resolver o contrato coa adxudicataria actual (Dragados), coa que se chegou a un acordo amigable que permitirá non ter que abonar ningún tipo de compensación económica.

Nos vindeiros días iniciarase o procedemento de contratación do novo proxecto ampliado, incorporando os documentos oficiais das cesións dos veciños que obtivo o Concello, as melloras na urbanización e a ampliación da área de actuación. Deste xeito, está previsto que as obras se inicien despois do verán, cando a dinamización económica da zona desaconsella calquera intervención polas súas molestias a veciños e visitantes. Prevese que os traballos estean finalizados antes da próxima temporada estival.

Todas estas cuestións estarán recollidas nunha addenda ao convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo en 2015. Neste establecíase que a institución provincial se facía cargo do 55 % do custo da actuación e o Goberno local do 45 %, pero as porcentaxes mudan agora ata o 70 % para a Deputación e ata o 30 % para o Concello, como tamén está recollido no decálogo de criterios para as vías provinciais. Unha vez rematadas as obras a titularidade da vía pasará a ser municipal. “Entendemos que os veciños van ver as diferencias entre o proxecto inicial e o que se vai facer nesta rúa. Son moitos os cambios e as melloras e pensamos que paga a pena agardar”, subliñou o nacionalista.

Pola súa banda, o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, sinalou que “hoxe é un día moi importante para os veciños e veciñas do Concello de Sanxenxo. Entendemos que cando se fan as cousas hai que facelas ben e a avenida Luis Rocafort vai ser unha referencia. Vai haber un antes e un despois da execución desta obra, polo que estamos orgullosos e moi agradecidos á nova Corporación da Deputación por tomar medidas e modificar o proxecto sen custarlle un euro máis ao Concello”.

Pita lembrou que, como alcalde, non estaba disposto a recepcionar a obra tal e como estaba formulada inicialmente, xa que non cumpría coa normativa nin co Plan Xeral de Sanxenxo, ademais de ser unha actuación incompleta. “Temos que pedir desculpas aos veciños, que pensaban que a rúa ía estar rematada hai meses, pero logo de todas as explicacións seguro que entenden que un proxecto nada ten que ver co outro”, finalizou, agradecéndolle, de novo, ao deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, a súa “claridade e compromiso de execución” das obras.

29 de marzo de 2016 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.