publicidade hoxe

A Consellería do Mar investiu 348.000 euros nun pantalán con 30 prazas de atraque para o sector pesqueiro e mexilloeiro de Moaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoaña
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou esta mañá o peirao do Con, en Moaña, para coñecer as últimas obras executadas por Portos de Galicia. Estas reformas consistiron na colocación dun pantalán para a frota mexilloeira e pesqueira e nelas a Consellería do Mar investiu máis de 348.000 euros.

A conselleira sinalou que esta actuación deriva da necesidade de aumentar a capacidade de atracada en zona abrigada. Para iso, colocouse un pantalán de 60 metros, aproveitando a propia dársena e isto, lembrou, supuxo a creación de 30 novas prazas de atraque, 14 delas destinadas aos bateeiros e o resto ás embarcacións de artes menores.

Neste sentido, destacou “a grande importancia da obra para os usuarios deste porto e para o concello”, xa que, dixo, “deste xeito dáse resposta ás súas necesidades e facilítase o seu traballo”. O obxectivo, lembrou, é “mellorar a seguridade e operatividade do peirao e os servizos portuarios”.

O pantalán está construído en formigón e leva tres módulos de 3 metros de ancho e 20 metros de lonxitude cada un. O acceso a el consiste nunha pasarela/rampla de dous metros de ancho e para esta obra foi preciso modificar o antigo pantalán, retirando un pilote e un módulo de 12 metros para posteriormente colocalos nunha posición oblicua á instalación orixinal.

A titular de Mar explicou ademais que as obras tamén incluíron brazos de amarre, “que mellorarán a seguridade e a comodidade das prazas de embarcacións pesqueiras de artes menores”. Ademais, engadiu, tamén se realizou a dragaxe duns 1.300 metros cúbicos de material na zona na que se empraza o pantalán, para garantir un calado de dous metros co obxectivo de adecualo ás condicións das embarcacións.

15 de marzo de 2016 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.