publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería do Mar destina 342.000 euros a mellora das instalacións portuarias de Celeiro e Morás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaViveiroXove
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitaron esta mañá os portos de Celeiro e Morás, na Mariña luguesa. Durante as visitas, Rosa Quintana anunciou que o seu departamento vai investir 342.000 euros en obras de mellora nas instalacións destes dous peiraos.

En Celeiro, a conselleira fixo un seguimento das reformas que se están a acometer nos sistemas de amarre e defensas do peirao, para as que a Consellería vai destinar 242.000 euros. A titular de Mar explicou que no peirao pesqueiro está prevista a colocación de 6 bolardos de 50 toneladas de carga e 13 defensas verticais e 6 de rosario. Tamén dixo que no peirao comercial prevese colocar 12 defensas do tipo vertical de caucho en “V” e 5 bolardos de 75 toneladas. de carga en aceiro para atraques que faciliten a carga de minerais. Ademais, a conselleira anunciou o repintado do borde do peirao comercial e do pesqueiro.

Rosa Quintana tamén fixo fincapé na importancia de adaptar as instalacións deste peirao comercial á normativa que regula a Protección de Buques en Instalacións Portuarias (PBIP). Neste sentido, explicou que o seu departamento vai investir 25.000 euros para acondicionar as instalacións ás características específicas de seguridade á hora de recibir buques de terceiros países.

Visita ao peirao de Morás

A continuación a conselleira visitou o peirao de Morás, en Xove, onde anunciou as obras de pavimentación da explanada do porto, a reparación da rampla e a colocación dun pantalán para a terceira lista que contará cunha pasarela de acceso a peirao. Rosa Quintana trasladou que nelas se van investir 75.000 euros.

Finalmente, a titular de Mar explicou que todas estas melloras “dan resposta ás necesidades dos usuarios que desenvolven a súa actividade nos portos galegos” ao tempo que trasladou que con elas buscamos “mellorar a seguridade e operatividade dos peiraos, as vías e accesos e os servizos portuarios e náuticos”, sinalou.

4 de marzo de 2016 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.