publicidade hoxe

Xunta e concello de Arteixo constatan os avances no asentamento industrial de Suevos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoLocal Portada
A-
A+
Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Arteixo. Foto: A. Varela

Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Arteixo. Foto: A. Varela

A Xunta de Galicia e o concello de Arteixo continúan a traballar para avanzar no recoñecemento dos 6 núcleos tradicionais do litoral deste concello: Sorrizo, Riero, Barraña (A Ponte), Valcovo, Ribeira de Alba e Suevos por parte do Ministerio de Medio Ambiente.

Esta mañá a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo mantiveron unha xuntanza de traballo, na que tamén participaron o subdirector xeral de Ordenación do Territorio, Alberto Castrillo; e o concelleiro de Urbanismo, Alberto Castro. O encontro serviu para constatar os avances da colaboración técnica mantida trala reunión do pasado mes de setembro, na que se acordou unha liña de traballo que empeza a dar resultados.

O alcalde trasladou que o Ministerio de Medio Ambiente recoñeceu o asentamento industrial de Suevos que agora o concello, a través dunha modificación puntual do planeamento municipal, clasificará como urbano. Respecto ao recoñecemento dos núcleos costeiros de Sorrizo, Riero, Barraña (A Ponte), Valcovo, Ribeira de Alba e Suevos, indicou que os traballos dos técnicos municipais están moi avanzados.

Rivas Díaz amosou o seu apoio ao concello que agora centrará a súas pretensións esgotando as 2 vías de tramitación paralela: primeiro, procedendo á xustificación da consolidación e servizos destes 6 núcleos rurais, e, á súa vez procedendo á modificación puntual do planeamento municipal (NSP aprobadas o 23/03/1995) co fin de incorporar as delimitacións cun deslinde a 20 m.

Apoio aos concellos costeiros

Hai que destacar que o pasado setembro a Xunta envioulle unha carta aos rexedores dos 87 concellos costeiros de Galicia para poñer á súa disposición o asesoramento dos técnicos de urbanismo da Xunta de cara a acadar que o maior número de núcleos tradicionais do litoral poidan ser regularizados.

Desde a Xunta vénse traballando nunha demanda histórica que consiste en reclamar que o solo de núcleo rural, propio da idiosincrasia galega, sexa asimilable á clase básica estatal de solo urbano.

Neste sentido, destaca o labor desenvolvido polo Executivo galego no que respecta ao asesoramento e á implicación con todos aqueles concellos que o solicitaron, e as numerosas reunións mantidas coa Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, co obxectivo de que o Goberno español entendese e recoñecese a verdadeira situación da costa galega. No mes de setembro foron dúas as reunión mantidas co departamento ministerial.

Neste senso nos dous últimos meses xa se mantiveron dúas reunións cos concellos de Boiro, Vilaboa, Redondela, Cambados, o Grove e Sanxenxo, que foron os primeiros en responder ao ofrecemento da Xunta.

Regularización na Lei de Costas

A Lei de Costas aplica un réxime de limitacións na zona de servidume de protección, establecida en 20 metros no caso de solo urbano, e en 100 metros fóra del, de xeito que moitas das edificacións existentes en solo de núcleo rural do litoral quedan nunha situación de “fóra de ordenación”.

A Xunta sempre defendeu a singularidade de Galicia para facer compatible os núcleos tradicionais da costa coa protección do litoral. Grazas ao traballo conxunto realizado entre o Goberno galego e o Goberno central logrouse que a nova Lei de costas recollese, por primeira vez, un trámite excepcional para resolver unha demanda histórica e propiciar que os núcleos tradicionais costeiros puidesen ser regularizados.

Este camiño permite rebaixar a zona de servidume de costa dos 100 aos 20 metros, para os núcleos costeiros tradicionais nos que se acredite correctamente a concurrencia dos supostos establecidos por lei.

19 de febreiro de 2016 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.