publicidade hoxe

Xóvenes regatistas de toda Galicia disputaran en Baiona o Trofeo Baitra – Campionato Galego de 420

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Xóvenes regatistas de toda Galicia disputarán a partir do sábado en Baiona o Campionato Galego da clase 420, organizado este ano polo Monte Real Club de Iates co patrocinio de Baitra Accesorios Navais e a colaboración da Federación Galega de Vela.

A competición desenvolverase ao longo de tres xornadas, os días 13, 14 e 20 de febreiro, nas que se celebrarán un máximo de 9 regatas consistentes en varios percorridos entre aboias colocadasen un campo en forma de trapecio na bahía baionesa.

A primeira das saídas darase o vindeiro sábado, ao redor das dúas e media da tarde, tras unha reunión preparatoria de adestradores e comités. Se todo vai segundo o previsto e as condicións meteorolóxicas o permiten. celebraranse tres regatas duns 40 – 45 minutos de duración cada unha. 

Algo máis madrugadora será a segunda xornada do trofeo, o domingo día 14, que comezará ás once e media da mañá, cun programa idéntico ao do primeiro día. Tres regatas con percorridos de trapecio nas que os novos regatistas de 420 deberán demostrar o seu bo facer sobre a auga. 

O Trofeo Baitra decidirase unha semana despois, o sábado día 20, coa celebración da última xornada a partir da unha da tarde e a posterior entrega de premios, ao redor das seis da tarde, nas instalacións do Monte Real Club de Iates.

No Campionato Galego da clase 420 estarán presentes os principais clubs náuticos de Galicia. Oza, A Coruña, Portosín, Vigo, Rodeira, Aguete… levarán ás súas tripulacións até Baiona para tentar facerse co título autonómico da categoría.

Por parte do Monte Real Club de Iates, encargado este ano da organización, participarán unhas seis regatistas. Son membros do equipo de regatas do club, desde o que desde hai anos organizan adestramentos específicos para a clase 420, e que neste 2016 ten programados, ademais, varios clinics con destacados deportistas. O Monte Real mantén así a súa firme aposta por impulsar a vela infantil en Galicia, con actividades propias e iniciativas como o Campionato Galego de 420.

Os preto de 50 regatistas que se reunirán este fin de semana en Baiona son mozos e mozas de entre 14 e 18 anos que navegan en tripulacións de dúas a bordo dun 420, un tipo de embarcación a vela, con trapecio e spinnaker, que debe o seu nome ás medidas da súa eslora.

Un barco cun estudado deseño que asegura bos planeos e un alto rendemento con vento de popa, algo que fai que sexa perfecto como fase intermedia para os regatistas que queren dar o salto da vela infantil ás clases olímpicas. 

Na edición de 2015 do Campionato Galego de 420 alzouse co triunfo a tripulación do Real Club de Mar de Aguete formada polo pontevedrés Pablo García e o budetense Andrés Álvarez. Ambos os regatistas, de 15 e 18 anos, fixéronse tamén o ano pasado coa Copa Galicia de 420. A prata e o bronce foron, respectivamente, para as tripulacións formadas por Adrián e Marta Domínguez, do Liceo Casino de Vilagarcía; e Patricia Suárez e Pilar Amaro, do Real Club Náutico de Vigo.

9 de febreiro de 2016 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.