publicidade hoxe

Unha persoa detida en Pontevedra durante un rexistro en Monbus pola Operación Cóndor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Europa Press

O xerente da oficina de Monbus en Pontevedra, Francisco Javier L.G., foi detido esta mañá a raíz do rexistro ordenado pola titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, en diversas dependencias da empresa de autobuses Monbus en Pontevedra, no marco da ‘Operación Cóndor’.

Axentes da Garda Civil de Tráfico proceden ao rexistro das dependencias desta empresa en Pontevedra. En concreto, Monbus dispón dunhas oficinas de atención ao público situadas na estación de autobuses pontevedresa e os talleres, coñecidos como as Cocheiras da Unión, situados na parroquia de Lourizán, onde os axentes da Garda Civil estableceron un dispositivo para o control de todos os vehículos que acceden ao recinto.

Segundo informaron fontes da investigación, os axentes de Tráfico que practican os rexistros forman parte de distintas unidades de toda Galicia que están familiarizados con aspectos técnicos e moi especializados de transporte.

Tanto na oficina da estación de autobuses como nas Cocheiras incautouse diversa documentación. Segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), estas actuacións leváronse a cabo no marco da ‘Operación Cóndor’ por orde da maxistrada Pilar de Lara Cifuentes, titular do xulgado de Instrución número 1 de Lugo, quen tamén é a responsable de operacións como a Pokémon.

OPERACIÓN CÓNDOR

A ‘Operación Cóndor’ investiga supostos delitos contra a facenda pública, branqueo de capitais, falsidade, delito contable, tráfico de influencias e suborno e, en marzo de 2015, provocara a detención do presidente da compañía líder do transporte de pasaxeiros Monbus, Raúl López, á parte doutro nove persoas.

No seu momento, De Lara decretou a liberdade, aínda que baixo fianza de 20.000 euros, para o presidente de Monbus, que non podía saír do país, ao ter retirado de forma cautelar o pasaporte, e debía comparecer no xulgado os luns e mércores.

Nesta operación tamén foi detido o responsable financeiro de Monbus, unha traballadora da empresa en Madrid, así como o xenro de Raúl López, Rafael C., que foron postos en liberdade tras pasar a disposición xudicial. No entanto, para o familiar do dono de Monbus a xuíza fixara unha fianza de 15.000 euros a abonar nun prazo de cinco días para evitar o seu ingreso en prisión.

Tamén se practicaron detencións en relación cun operador de turismo que colabora con Monbus e que tamén posúe hoteis no municipio de Sanxenxo (Pontevedra), e foran arrestados dous militares, un tenente coronel e un membro da brigada paracaidista. Todos eles quedaron libres sen fianza, pero imputados na causa.

INCAUTACIÓNS

No marco da Operación Cóndor, Aduanas incautouse de 1,3 millóns de euros nese operativo, a maioría en hoteis, salvo 80.000 euros intervidos nun vehículo de Raúl López. Así mesmo, nestes operativo efectivos do Servizo de Vixilancia Aduaneira, dependentes do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais da Axencia Tributaria, incautáronse do computador e o móbil dun funcionario do Ministerio de Fomento que desenvolvía o seu labor no departamento encargado de transportes terrestres en autobús.

Pilar de Lara é a xuíza que ademais instrúe a denominada Operación Polbo, que tamén salpicou a Raúl López, de forma que en xullo do ano pasado foi ordenado o rexistro na sede do Club Baloncesto Breográn en busca de documentación, entre outra, da etapa na que o empresario de transporte foi presidente do equipo.

3 de febreiro de 2016 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.