publicidade hoxe

Sesión informativa sobre os riscos de Internet e as Redes Sociais en Boqueixón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixón
A-
A+

O Concello de Boqueixón, en colaboración coa APA do CPI Antonio Orza Couto e a ANPA do CRA Boqueixón-Vedra, ten organizada unha interesante xornada informativa para este venres 26 de febreiro ás 20:15 h. na Casa do Concello baixo o título “Os riscos de Internet e as Redes Socias”.

O obxectivo desta xuntanza, que será impartida por un formador da Guardia Civil, é  sensibilizar aos pais sobre os principais riscos existentes polo uso non apropiado destas ferramentas e ao mesmo tempo proporcionarlles os recursos necesarios para axudarlles na prevención dos mesmos ou minimizar as súas consecuencias.

As redes sociais, e internet en xeral, hoxe en día teñen un enorme potencial, nun sentido tanto positivo como negativo, e, por tanto, enfrontámonos a novos riscos e novas oportunidades que precisan ser identificadas e estudadas. Conceptos como ciberbullying (acoso entre menores), o grooming (acoso entre un adulto e un menor), o sexting (envío de fotografías sexuais), por desgraza empezan a ser de uso corrente, facéndose necesario establecer mecanismos e canles de control e denuncia, na que a colaboración entre pais, educadores e a sociedade en xeral é absolutamente necesaria.

Neste sentido, o caso das novas tecnoloxías suscita ás veces certos problemas xa que non é raro que nenos superen aos seus pais no manexo do mundo dixital, o cal pode dificultar o seu labor de mediación. O reto consiste en establecer unha nova mirada a este escenario co ánimo de recoñecer as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e, ao mesmo tempo, identificar os riscos xerais e persoais que suscitan.

Esta sesión está incluída dentro do programa de prevención de drogodependencia e outras conductas adictivas que este concello pon en marcha conxuntamente cos concellos de Teo e Touro, en colaboración coa Consellería de Sanidade.

Os interesados deberán inscribirse no Departamento de Educación do Concello de Boqueixón ata o día 25 de febreiro.

22 de febreiro de 2016 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.