publicidade hoxe

Samuel Diz presenta en Tui o “Impresións e paisaxes, coma o primeiro libro de Lorca”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTui
A-
A+

O músico tudense Samuel Diz ofrecerá este venres, 19 de febreiro, en Tui o seu primeiro concerto en Galicia de presentación do seu último traballo discográfico “Impresións e paisaxes, como primeiro libro de Lorca” froito da investigación que levou a cabo nos últimos anos sobre a Xeración do 27. A cita será ás 21h no Teatro Municipal.

En “Impresións e paisaxes, como o primeiro libro de Lorca” García Lorca é o elo de unión dun crisol de composicións que Samuel Diz reúne neste seu segundo traballo discográfico. Dende Manuel de Falla a Fernando Buide o popular e o erudito van da man nun repertorio no que a guitarra é a gran protagonista. O de Tui será un espectáculo único polo feito de actuar na súa localidade natal.

Samuel Diz realizou o pasado mes de novembro a presentación deste novo disco no Centro Cultural Generación del 27′ de Málaga. Posteriormente, en decembro, estivo na Universidade de Cork en Irlanda e no Círculo de Bellas Artes de Madrid, a comezos deste mes.  E elixiu Tui para o primeiro concerto deste traballo en Galicia.

O tudense Samuel Diz graduouse no Conservatorio Superior de Música Manuel Castillo de Sevilla baixo a dirección de Gaëlle Sola, ampliando a súa formación con distintos mestres coma Alen Garagic ou Daejun Jang. Recibiu, entre outros, o premio Andrés Segovia-J.M. Ruiz Morales polo estudio e interpretación da música española en Música en Compostela, así coma o Premio da Crítica El Primer Palau, e foi seleccionado como artista polo INJUVE nas axudas á creación xove. Samuel Diz conta amais co posgrado en xestión de empresas musicais na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. É o director do festival interdisciplinar Música no claustro, que se celebra anualmente na Catedral de Tui.

As entradas están á venda en en www.culturatui.info ata este venres 19 ás 12h ou o venres dende ás 19.30h no despacho de billetes ao prezo de 4€ e 3€.

17 de febreiro de 2016 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.