publicidade hoxe

Román Rodríguez anuncia a inminente licitación das obras para a reparación das humidades da igrexa de Santa Comba de Bande

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBande
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou hoxe a inminente licitación das obras para a reparación das humidades da igrexa de Santa Comba de Bande. Nunha visita ao templo esta mañá, o titular do departamento autonómico de Cultura explicou que o investimento previsto será de máis de 70.000 euros, e que ten como fin frear o deterioro do considerado o templo cristiá máis antigo de Galicia. Cómpre lembrar, así mesmo, que esta igrexa está declarada Ben de Interese Cultural.

A actuación consistirá na substitución da antiga drenaxe perimetral por unha nova, cun rexuntado das cimentacións con morteiro de cal, repaso das cubertas e execución de novos aleiros que eviten a entrada de auga pola cabeza dos muros e garantan a ventilación do espazo entre a cuberta e as bóvedas, e no repaso do rexuntado das fábricas de sillería das fachadas con morteiro tradicional de cal. Ademais, colocaranse novas fiestras con ventilación permanente e restauraranse as portas existentes.

A Consellería fixo en 2015 unhas catas no drenaxe existente comprobándose o deficiente estado do rexuntado das fábricas soterradas, o que podería estar a provocar filtracións de auga pola cimentación. Polo tanto, o obxectivo da intervención é resolver os problemas relacionados co exceso de humidade no edificio que é a principal causa do seu deterioro, especialmente un curso de auga de escorrenta dos predios contiguos, e cuxo paso polo adro se evacuará.

Arquitectura hispanovisigoda

A igrexa de San Trocado ou Santa Comba de Bande é probablemente o edificio visigótico mais completo da nosa comunidade e un dos mellores exemplos de arquitectura hispanovisigoda da Península Ibérica. A construción orixinal está datada a finais do século VII sufrindo diferentes transformacións ata o século IX para adaptarse ás diversas necesidades funcionais como puideron ser a de albergue ou mosteiro.

O edificio actual de planta de cruz grega, cunha ábsida rectangular ao leste e un pórtico de entrada cuadrangular ao oeste tivo, como outros edificios visigodos, unha planta rectangular en cuxo centro quedaba inscrita a cruz grega, rodeada de estancias cuadrangulares, que desapareceron co tempo. Actualmente, daquelas cámaras cuadrangulares só quedan vestixios no espazo dedicado a sancristía, nas cimentacións soterradas no adro e nalgúns esquinais do edificio actual. As naves converxen nun cruceiro cuberto por ciborio de bóveda de aresta de ladrillo apoiada en catro arcos de ferradura. Os brazos do cruceiro cóbrense con bóvedas de canón peraltado con certa tendencia á ferradura.

O arco de ingreso ao presbiterio descansa sobre catro columnas de mármore, con bases e catro capiteis, dos que un é tardorromano reaproveitado, outro visigodo da primeira época do edificio e os outros dous de finais do século IX ou principios do X. A capela da ábsida está decorada con pinturas murais do século XVI, que probablemente se estendían polo resto do interior do edificio.

Aquis Querquennis

Aproveitando a súa estancia na zona, o conselleiro visitou tamén o Centro de Interpretación do conxunto arqueolóxico Aquis Querquennis, un dos principais atractivos turísticos da zona, con arredor de 7.500 visitantes ao ano.

Román Rodríguez quixo salientar a colaboración entre diversos organismos (Xunta de Galicia, Concello, Deputación e outras entidades que conforman a Fundación Aquae Querquennae-Via Nova) en prol da recuperación e conservación destes restos.

12 de febreiro de 2016 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.