publicidade hoxe

Rodeiro súmase á campaña de promoción do leite galego de calidade diferenciada Galega 100%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRodeiro
A-
A+
Rodeiro súmase á campaña  Galega 100%

Rodeiro súmase á campaña Galega 100%

O concello pontevedrés de Rodeiro súmase á campaña de promoción do leite galego de calidade diferenciada Galega 100%. Desta forma, son máis de 30 os municipios galegos que están adheridos a esta campaña, que ten como obxectivo fomentar o consumo deste leite entre os consumidores e, deste xeito, apoiar ao sector agroalimentario de Galicia en xeral e ao lácteo en particular.

Esta campaña, que está impulsada pola Consellería do Medio Rural, trata de sumar esforzos de promoción e evitar unha multiplicidade de mensaxes e marcas diferentes. Así, a Xunta deseñou unha ampliación da campaña Galega 100% adaptada ás entidades locais que desexen voluntariamente sumarse e apoiar ao sector. Posto que na nosa Comunidade hai moitos municipios con intereses leiteiros, estas entidades son as máis axeitadas para promocionar esta marca entre a súa veciñanza e, deste xeito, contribuír a mellorar os beneficios económicos dos produtores de leite e o seu nivel de vida.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez pon á disposición dos concellos o deseño do material promocional, totalmente de balde, para que desde os municipios o reproduzan da maneira que desexen e que consideren axeitada. Esta acción promocional complementa as actividades levadas a cabo por toda Galicia pola propia Xunta. Entre elas cómpre destacar as charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios; diversas visitas a explotacións de vacún de leite e reparto de minibricks en eventos deportivos, culturais e feiras agroalimentarias.

Calidade diferenciada

Galega 100% identifica o leite e os produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega, feitos e envasados na nosa Comunidade. A materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de explotacións leiteiras inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada.

A marca Galega 100% e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.

29 de febreiro de 2016 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.