publicidade hoxe

Ribadumia solicita a adhesión ó programa provincial de compostaxe comunitaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia, a través da concellería de Medio Ambiente, vén de solicitar a adhesión ó programa de Compostaxe Comunitario da Deputación de Pontevedra.

Esta iniciativa, promovida pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ribadumia, xorde co obxectivo de iniciar ós veciños na práctica de compostar os restos orgánicos producidos nos domicilios, dotando ó núcleo urbano cun composteiro comunitario para o uso da veciñanza adherida ó Plan, e lograr unha reducción do lixo que se remite a SOGAMA para a súa custosa e contaminante incineración.

Por tratarse do núcleo urbano con máis poboación de todo o municipio, o Departamento Técnico do Concello de Ribadumia sinalou a ubicación do Centro de Compostaxe Comunitario no núcleo urbano de Barrantes. A parcela elixida, situada na parcela lindante que ocupa o edificio do Concello,  conta con edificios de vivendas e baixos comerciais ao seu redor.  

Experiencia piloto

Este programa xorde como unha experiencia piloto para o municipio,  razón pola que o concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón González Lede, espera que “se consigan os dous obxectivos principais: a redución do impacto medioambiental que supón o transporte e posterior incineración dos residuos orgánicos, e a redución do elevado custe económico que isto supón para as arcas municipais, onde o Concello ven aportando o 50% do custe total da eliminación deste tipo de residuos. Ademais, o Concello pechará o círculo da compostaxe empregando o excedente do abono ecolóxico obtido neste proceso no mantemento das zonas verdes, parques e xardíns de Ribadumia.” 

Pola súa parte, os veciños da zona, recibiron a iniciativa cunha moi boa acollida despois de que o concelleiro de Medio Ambiente se reunira cos interesados para explicarlles cómo vai ser o funcionamento do futuro composteiro comunitario. Un total de 101 veciños da zona comprometéronse a participar nesta experiencia piloto, un total que supera amplamente o mínimo requirido por parte da Deputación para a implantación do Centro. Tamén se comprometeron tres establecementos comerciais e de hostalería. 

Para o concelleiro José Ramón González “a intención é, sempre que os resultados obtidos sexan satisfactorios, potenciar este sistema e tratar de dispoñer máis Centros de Compostaxe Comunitario noutras zonas do termo municipal que cumpran cas características requiridas”.

2 de febreiro de 2016 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.