publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Rey Varela asiste en Boiro á apertura da nova sala sensorial do centro de atención integral de AMICOS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiro
A-
A+
Rey Varela na visita ao centro de AMICOS

Rey Varela na visita ao centro de AMICOS

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu hoxe no municipio coruñés de Boiro á inauguración da nova sala sensorial da que dispón o Centro de Atención Integral a Persoas con Discapacidade da Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Intelectual (AMICOS). Máis de 20 mozos e mozas da comarca da Barbanza con autismo e parálise cerebral benefícianse das terapias con estimulación multisensorial que se levan a cabo nesta unidade, cuxo innovador equipamento tecnolóxico foi financiado polo grupo empresarial Jealsa Rianxeira S.A. O seu presidente de honra, Jesús Alonso Fernández, tamén asistiu ao acto de posta de largo desta sala; así como o alcalde de Boiro, Juan José Dieste Ortigueira; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo Pouso; e responsables de AMICOS encabezados pola súa presidenta, Esther Vidal Rodríguez.

Na súa intervención, Rey Varela destacou o traballo que está a facer AMICOS e outras entidades sen ánimo de lucro en favor das persoas con discapacidade intelectual e en apoio dos seus familiares; ao tempo que recoñeceu “a implicación e compromiso social de Jealsa Rianxeira con esta terra e, especialmente, coas persoas que máis precisan de apoio”. Nesta liña, o conselleiro manifestou que a Xunta de Galicia “non é allea a este esforzo por mellorar as políticas sociais e garantir máis oportunidades para este colectivo, compartindo con AMICOS e con Jealsa Rianxeira o obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias”. E, ao fío disto, engadiu que “a obriga de calquera goberno responsable é ser sensible coas necesidades que presentan os colectivos que máis precisan da nosa axuda”.

Deste xeito, Rey Varela explicou que o Goberno galego está a traballar no incremento de novos servizos de atención residencial e de atención diúrna para os diferentes colectivos da discapacidade, especialmente a discapacidade intelectual e o autismo. A administración autonómica ten hoxe en día un total de 54 prazas concertadas con AMICOS -41 no centro de atención integral de Boiro e outras 13 no Centro Ocupacional de Ribeira- ás que destina anualmente 600.000 euros.

Coordinación e recursos

O titular da carteira autonómica de Política Social insistiu en que “coordinarse e traballar conxuntamente coas outras administracións e as entidades é o bo camiño para poder avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con discapacidade”. Un obxectivo que “será máis doado de conseguir canta máis iniciativa privada e empresas estean dispostas a implicarse e participar activamente no mesmo”, dixo.

Esta nova etapa en políticas sociais signifícase por un traballo máis intenso coas entidades en temas como o desenvolvemento do Plan de Acción da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, aprobada polo Consello da Xunta en novembro do ano pasado. Na actualidade está en proceso o desenvolvemento desta estratexia, que abrangue seis liñas estratéxicas: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais.

AMICOS

O obxectivo da Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Intelectual (AMICOS) é mellorar a calidade de vida deste colectivo. Para acadalo procuran crear recursos para que as persoas con discapacidade intelectual reciban atención asistencial, formación e asesoramento. A entidade conta cun total de nove centros, nos concellos de Boiro e Ribeira, nos que ofrecen servizos de apoio e asistencia persoal, de apoio e atención psicolóxica e de asesoría xurídica; ademais do servizo de respiro familiar, rehabilitación, asistencia e apoio domiciliar e transporte adaptado.

12 de febreiro de 2016 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.