publicidade hoxe

Rey Varela aborda co alcalde de Ponteareas as liñas de actuación da Xunta en materia social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareas
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, entrevistouse hoxe en San Caetano co alcalde do municipio pontevedrés de Ponteareas, Xosé Represas Giráldez, dentro da rolda de contactos que está a manter co conxunto dos rexedores e rexedoras de Galicia co obxecto de dar conta das liñas de actuación da Xunta de Galicia en materia social de cara a este ano 2016. A través destas xuntanzas, o Goberno autonómico e os responsables das entidades locais adquiren o compromiso de abrir novas vías de diálogo e colaboración para traballar na consecución dunha política social axeitada, así como na busca de optimizar recursos de tal xeito que estes cheguen ás familias e persoas que máis precisan do apoio das administracións.

No que atinxe ás prestacións sociais de Ponteareas nas que ten participación a Xunta, nestes momentos o Servizo de Axuda no Fogar da cobertura asistencial a 59 dependentes, o que supón un total de 3.037 horas de atención á dependencia no entorno familiar e un investimento público superior aos 282.000 euros. Ao respecto, Rey Varela explicou que un dos eixes estratéxicos da Consellería de Política Social é que a ratio de cobertura do sistema de dependencia no conxunto de Galicia chegue ao 75% este mesmo ano. A día de hoxe, dous terzos –máis do 60%- das persoas que teñen recoñecida a súa dependencia benefícianse do sistema galego de coidados e promoción da autonomía persoal.

Así mesmo, a Xunta mantén operativo en Ponteareas un centro de día con 20 prazas, ao que destina para o seu mantemento 221.400 euros por exercicio; e dispón de 10 prazas concertadas no centro de menores de iniciativa social da localidade. Ademais, a administración autonómica subvenciona a escola infantil municipal de Ponteareas con 42.000 euros anuais.

Ademais, o conselleiro amosou a súa colaboración para, no momento en que se aprobe definitivamente o Plan Xeral de Ponteareas e que o Concello poida por a disposición os terreos para a construción dunha nova escola infantil, avanzar na sinatura do convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para facer efectiva esta infraestrutura social. Ambas institucións coinciden na importancia deste centro tendo en conta a poboación de 0 a 3 anos que amosa a demografía do municipio pontevedrés.

4 de febreiro de 2016 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.