publicidade hoxe

Prosegue o rexistro en dependencias de Monbus en Pontevedra tras a detención do xerente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Europa Press
Rexistro en Monbus Pontevedra

Rexistro en Monbus Pontevedra

O rexistro ordenado pola instrutora da Operación Cóndor, a xuíza Pilar de Lara, en dependencias de Monbus na cidade de Pontevedra prosegue ás 19,30 horas deste mércores, mentres que o detido no marco destas dilixencias, Francisco Javier L.G., xerente da empresa de transporte nesa cidade, está pendente de pasar a disposición xudicial nas próxima horas, probablemente ao longo deste xoves.

Fontes de Monbus explicaron que lles consta a detención do seu xerente en Pontevedra, pero que esta non lles foi comunicada directamente polo xulgado. Ademais, indicaron que esta persoa traballa na empresa “dende aproximadamente o ano 2000” e que descoñecen “por completo” os motivos da súa detención.

Pola súa banda, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informou de que o detido “probablemente” pasará este xoves a disposición xudicial en Lugo, onde a instrutora da Operación Cóndor é a titular do Xulgado número 1.

O detido declarará en relación a unha operación que investiga supostos delitos contra a facenda pública, branqueo de capitais, falsidade, delito contable, tráfico de influencias e suborno, pero o TSXG aclarou que iso non implica que se lle considere sospeitoso de todos estes tipos delituosos.

REXISTRO

Dende media mañá deste mércores, axentes da Garda Civil de Tráfico procederon ao rexistro das dependencias desta empresa en Pontevedra. En concreto, Monbus dispón dunhas oficinas de atención ao público situadas na estación de autobuses pontevedresa e os talleres, coñecidos como as Cocheiras de La Unión, situados na parroquia de Lourizán, onde os axentes da Garda Civil estableceron un dispositivo para o control de todos os vehículos que querían acceder ao recinto.

Ao longo da tarde, catro axentes uniformados controlaron a entrada e saída de vehículos no recinto das Cocheiras mediante un dispositivo polo cal paraban e identificaban a todo o que quería entrar. En torno ás 18.30 horas, chegaron dous axentes máis e un traía unha caixa de cartón desmontada.

Malia o dispositivo, a entrada e saída de autobuses destas naves realizouse con aparente normalidade. Nese sentido, fontes de Monbus confirmaron que durante toda a xornada se prestou o servizo público “sen prexuízo para os usuarios”.

Segundo informaron fontes da investigación, os axentes de Tráfico que practicaron os rexistros forman parte de distintas unidades de toda Galicia que están familiarizados con aspectos técnicos e moi especializados do transporte.

Tanto na oficina da estación de autobuses coma nas Cocheiras incautouse diversa documentación. Ao respecto, Monbus afirmou que a empresa colaborou “en todo o rexistro coa entrega de documentación”, aínda que non aclarou de qué materia versan os expedientes requiridos pola xuíza.

OPERACIÓN CÓNDOR

A ‘Operación Cóndor’ provocara, en marzo de 2015, a detención do presidente da compañía líder do transporte de pasaxeiros Monbus, Raúl López, aparte doutras nove persoas. No seu momento, De Lara decretou a liberdade, aínda que baixo fianza de 20.000 euros, para o presidente de Monbus, que non podía saír do país, ao ter retirado de forma preventiva o pasaporte, e debía comparecer no xulgado os luns e mércores.

Nesta operación tamén foi detido o responsable financeiro de Monbus, unha traballadora da empresa en Madrid, así como o xenro de Raúl López, Rafael C., que foron postos en liberdade tras pasar a disposición xudicial. Non obstante, para o familiar do dono de Monbus a xuíza fixara unha fianza de 15.000 euros a aboar nun prazo de cinco días para evitar o seu ingreso en prisión.

Tamén se practicaran tres detencións en relación cun touroperador que colabora con Monbus e que tamén posúe hoteis no municipio de Sanxenxo (Pontevedra), e foran arrestados dous militares, un tenente coronel e un membro da brigada paracaidista. Todos eles quedaron libres sen fianza, pero imputados na causa.

No marco da Operación Cóndor, Aduanas incautárase de 1,3 millóns de euros nese operativo, a maioría en hoteis, salvo 80.000 euros intervidos nun vehículo de Raúl López. Así mesmo, en este operativo efectivos do Servizo de Vixilancia Aduaneira, dependentes do Departamento de Alfándegas e Impostos Especiais da Axencia Tributaria, incautáranse do ordenador e o móbil dun funcionario do Ministerio de Fomento que desenvolvía o seu labor no departamento encargado de transportes terrestres en autobús.

SALPICADO POR DIVERSAS OPERACIÓNS

Piar de Lara é o xuíz que ademais instrúe a denominada Operación Polbo, que tamén salpicou a Raúl López, de forma que en xullo do ano pasado foi ordenado o rexistro na sede do Club Baloncesto Breográn en busca de documentación, entre outra, da etapa na que o empresario de transporte foi presidente do equipo. Raúl López é dende 2010 presidente do equipo de baloncesto Rio Natura Monbus Obradoiro, pero antes presidira o Breogán dez anos.

Así mesmo, Pilar de Lara leva a Operación Pokémon, no marco da cal o exalcalde de Santiago de Compostela Gerardo Conde Roa (PP) propuxéralle que “analizase” diferentes persoas que, ao seu xuízo, sairían “beneficiadas” da caída dos populares no goberno do Concello da capital galega. Entre os nomes propostos nun escrito da documentación entregada na súa defensa por Conde Roa atopaba o de Raúl López.

3 de febreiro de 2016 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.