publicidade hoxe

Pazos de Borbén celebra a XV Festa da Cacheira este domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPazos de Borbén
A-
A+

O Concello de Pazos de Borbén celebra este domingo a XV Festa da Cacheira. A cita gastronómica máis popular do municipio, e unha das festas culinarias máis consolidadas do inverno en Pontevedra, na que se servirán unhas 3.000 racións de cabeza do porco acompañada con chourizo e grelos. Para elaborar os pratos cociñaranse máis de 1000 quilos de cabeza de porco, 900 de grelos e 250 de chourizo.  

A celebración comezará ás once da mañá coas actuacións da charanga “Vai de baile”. Ao redor da unha do mediodía terá lugar o clásico pregón, que este ano correrá a cargo dos humoristas “Os sete magnificos +1”. Pola tarde continuará a festa coa actuación do grupo Capitol, ademais da tradicional animación musical e as atraccións inchables para os máis pequenos. Como novidade este ano ademais das tradicionais racións de chacheira poderanse degustar racións de polbo a prezos populares.

Para maior comodidade dos asistentes e ante as previsións meteorolóxicas, este ano a festa celebrarase no pavillón de deportes municipal. A “cacheira” ou “cachucha” servirase como manda a tradición: cocida e en lonchas, con acompañamento de chourizo e grelos. Un manxar que a maior parte dos asistentes regasen con viño tinto. Como en anteriores edicións, o prato poderase degustar no recinto da festa ou levalo para consumir na casa a un prezo máis económico.

Tradición

A festa da cacheira débese a unha antiga tradición existente en Pazos de Borbén, pola que se conmemoraba o día de San Amaro comendo cacheira. O afán por contar cunha festa gastronómica propia de todo o municipio levou ao Concello a abanderar a posta en marcha desta celebración, que catorce anos despois converteuse en todo un referente no calendario gastronómico da provincia.

22 de febreiro de 2016 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.