publicidade hoxe

Pablo Cabello e Javier Lago coroáronse campións de Galicia de Vaurien tres anos despois do seu último título

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+
Podio Vaurien

Podio Vaurien

Pablo Cabello e Javier Lago, do Real Club Náutico de Vigo, proclamáronse campións absolutos de Galicia de Vaurien sen necesidade de disputar a terceira e última xornada, inicialmente prevista para hoxe pero que a alerta laranxa anunciada polas autoridades obrigou ao Náutico, organizador do evento, a suspender.

Para Cabello e Lago, felices hoxe, a vitoria supón o terceiro título autonómico desta década tras gañar en Cangas 2012 e nas Pontes 2013. Líderes destacados con dous primeiros postos e catro segundos o pasado fin de semana, patrón e tripulante sumaban 10 puntos (8 co descarte), renda importante sobre os segundos clasificados, Tirso Cerqueira e Gonzalo Martínez, xuvenís do Club Marítimo de Canido, con 14 puntos. Na terceira praza atopábanse Alejandra Suárez e Miriam González (RCN Vigo), con 15.

Ao non celebrarse proba algunha, a xeral proclamou subcampións absolutos a Cerqueira e Martínez, ademais campións autonómicos en categoría xuvenil, mentres que o tándem Suárez-González, terceiro, acabou como campión feminino.

O Galego, que contou con vinte unidades navegando na bahía, con algún regatista luso, estaba encadrado na XXIV Regata Ría de Vigo – Premio Jesús Betanzos. A entrega de premios, á que asistiron o presidente da Galega, Manuel Villaverde, o delegado de vela da sociedade, Jorge Enríquez, e o patrocinador principal, Jesús Betanzos, pechou a competición.

A tempada de Vaurien non fixo máis que empezar: o Campionato de España terá lugar en Cangas, organizado polo Real Club Náutico Rodeira (23-27 de marzo), despois chegará o Campionato Ibérico (encoro de Gabriel e Galán, Cáceres, 29 de abril ao 1 de maio), a Copa Galicia (Sanxenxo, 14 e 15 de maio) e o Mundial (Viana do Castelo, Portugal, 23-30 de xullo).  

8 de febreiro de 2016 | 08:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.