publicidade hoxe

Os danos do temporal en Mos cífranse en case medio millón de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Danos polo temporal

Danos polo temporal

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Vías e Obras, Luis Alonso, informaron hoxe de que o Concello xa rematou o inventario de tódolos desperfectos causados polo gran temporal da pasada fin de semana e que lle remitiu ó presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ó vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,  Alfonso Rueda, e á ministra en funcións de Fomento, Ana Pastor, un informe detallado cursando solicitude de apoio das administracións autonómica e estatal para poñer en óptimas condicións e canto antes as infraestruturas deterioradas polas nefastas condicións meteorolóxicas vividas os últimos días.

O informe elaborado por técnicos municipais valora os danos causados en máis de 400.000 euros e a administración local xa tuvo que facer fronte ata a data a unha contía de 30.000 euros a maiores para dar resposta do xeito máis rápido posible ás incidencias máis urxentes acaecidas.

As infraestruturas máis gravemente danadas son a Estrada da Vía na Parroquia de Tameiga, o Camiño de Bosende en Tameiga tamén, o Camiño do Cabo da Vella en Guizán, o Camiño da Rabandeira en Cerdedelo, parroquia de Dornelas; o Camiño do Lombo na Parroquia de Mos, o Camiño da Quiringosta en Amieirolongo, parroquia de Sanguiñeda, o Camiño de Telmo Estévez e a Estrada de Generoso Domínguez, ambos en Cela; e o Camiño das Cobiñas en Guizán.

A Estrada da Vía sufre un dano estrutural en muro de contención de 5 m de alto e 40 m de largo, que contén vial principal moi transitado. Fallo do sistema de drenaxe, lavado de trasdós, asentamento de vial e de beirarrúa. Require reparación urxente, rediseño de muro e base de firme. As obras a executar consistirían na reparación de firme de vial principal (11 m), reparación de beirarrúa de (2 m) e rediseño de muro de contención o que suporía un orzamento de 85.000 euros.

O Camiño de Bosende sufriu derrube de muro de contención de vial secundario ocasionado probablemente polo empuxe da auga do regato existente e empuxe hidrostático do trasdós do muro. Sección anterior de muro de formigón insuficiente e fallo de drenaxe. Require reparación urxente das capas de firme de vial secundario e rediseño de muro de contención de 65 metros de longo e 3 metros de alto ben drenado (mellora de escollera inclinada) con peso de pedras adecuados. Todo elo require dunha inversión de 80.500 euros. 

O Camiño do Cabo da Vella atópase afectado por un fallo do estado estrutural do firme do vial secundario nun tramo de 6 metros de longo, derrume de talud duns 8 metros de alto nunha lonxitude de 4 metros. Conviría executar un muro de contención debido a inestabilidade do talud. Para cuxas obras precísase un orzamento de 7.800 euros.

No Camiño da Rabandeira aconteceu o derrube de muro de contención de parcela de vivenda privada duns 10-15 metros de alto e 20 metros de lonxitude aproximadamente arrastrando os bloques de pedra sobre o vial municipal, cortado ao tráfico, e sobre vivenda a cota inferior (rotura de muro de peche e edificación anexa). Require reparación urxente, con rediseño de muro de sección suficiente e drenaxe do seu trasdós, nunha lonxitude aproximada de 30 metros. Reparación tamén do muro de peche e edificación anexa da vivenda a cota inferior. Para solucionar todos estes desperfectos cómpre a realización de obras de rediseño de muro de contención, reparación de vial municipal (redes de saneamento, abastecemento, firme, etc.) e reparación de muro de peche e edificación anexa da vivenda inferior que requiren dunha inversión económica de 150.000 euros. 

No Camiño do Lombo produciuse unha invasión no vial de auga superficial que rompe o firme do mesmo nuns 24 metros de lonxitude e invade a finca adxacente de viñedos. Require actuación estrutural de firme e obras de drenaxe que resolvan os efectos das augas superficiais mediante reparación de firme de vial de 5 metros e drenaxe das augas superficiillas, todo o cal supón un importe de 5.500 euros.

O Camiño da Quiringosta require dunha actuación estrutural de firme de vial (nuns 3 metros) e obras de drenaxe no trasdós do muro de contención de escollera que resolvan os efectos da auga filtrada polo río Louro. O derrube do vial afectou á instalación do alumeado público existente na zona, así como á bionda da marxe do vial. Por todo elo cómpre a reparación de firme de vial de 6 metros, a reparación de trasdós de muro de contención, a substitución de bionda e a revisión/reparación de instalación de alumeado público o que require dunha inversión de 7.800 euros. 

O Camiño de Telmo Estévez sufriu o derrube dun talud duns 8 metros de alto nunha lonxitude de 4 metros polo que conviría executar un muro de contención debido a inestabilidade do talud e que supón unha inversión de 34.500 euros. 

Na Estrada de Generoso Domínguez produciuse o fundimento de parte do firme do vial municipal nuns 35 metros de lonxitude por filtración de auga cun custe de reparación de 4.000 euros. E no Camiño das Cobiñas derrubouse un muro de contención en propiedade particular que a súa vez arrasa dous muros de contención de fincas colindantes e tamén provoca danos en alumeado público presente na zona. Os restos invaden a estrada da Diputación Peinador-Os Valos. Polo que para por solución ós desperfectos xerados son necesarias obras de reparación de muro de peche de propiedade privada de 1,80 metros alto de bloque de hormigón, reparación de muro de contención de propiedade privada de menos de 3 metros de alto de pedra, nuns 3 metros de ancho, substitución de poste de alumeado público e reparación en beirarrúa de 2 metros de ancho. Todo elo ten un custe de 30.000 euros.

Como xa se dixo antes, todas estes traballos necesarios suman máis de 400.000 euros en gastos, concretamente supoñen un total de 405.100 euros. Sen embargo as autoridades locais lembraron tamén que debido a todas as emerxencias producidas no Concello de Mos, durante estes días de temporal, este tivo que facer fronte a un custe de 30.000 euros por alquiler de maquinaria e camións precisos para dar resposta do xeito máis rápido posible a todas as incidencias acaecidas.

17 de febreiro de 2016 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.