publicidade hoxe

O xerente do Xacobeo presenta a obra ‘La catedral de Tui desde su plan director’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTui
A-
A+

A catedral de Tui acolleu hoxe a presentación do libro ‘La catedral de Tui desde su plan director’, editado por Turismo de Galicia.

O acto contou coa participación do director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela; do deán do Cabido de Tui, José Diéguez Dieppa; do bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza; do director e coordinador do Plan director catedralicio de Tui, Iago Seara Morales; e do representante da Fundación Montemadrid, Gabriel Morate.

O libro constitúe unha atractiva obra de divulgación do patrimonio cultural galego que dá a coñecer o monumento, tanto para o público especializado como para calquera que se aproxime ao libro e á catedral con curiosidade e interese.

Esta publicación está tamén chamada a ser un referente e unha fonte documental de consulta obrigada para calquera actuación que se propoña sobre a propia catedral e o magnífico e complexo conxunto edificado que xerou no seu ámbito.

A publicación resume o completo traballo que comprende o Plan director do conxunto catedralicio de Tui, un documento, elaborado por un numeroso equipo interdisciplinar, que constitúe un singular compendio de estudos altamente especializados, sobre o coñecemento e o proceso de formación e desenvolvemento do conxunto catedralicio, ao tempo que deseña e avanza as futuras actuacións a realizar sobre este.

Un traballo de documentación, investigación, análise, crítica e proposta para a conservación e a restauración que atende aspectos tan dispares como a arqueoloxía da catedral, a vinculación desta co Camiño de Santiago, o protagonismo da catedral na construción e evolución do ambiente da cidade e o seu urbanismo, ou a revalorización da vida social e económica.

Este compendio de estudos reúne, así, nun único documento, o coñecemento sobre a historia do conxunto catedralicio tudense, a diagnose espacial e construtiva, o estudo crítico das intervencións sistemáticas e asistemáticas realizadas ao longo da súa historia e un ambicioso programa de propostas para futuras intervencións.

Durante o acto de presentación, o xerente do Xacobeo sinalou que o Camiño Portugués de peregrinación a Santiago configura dende a Idade Media unha fecunda canle de cultura e tradición. Rafael Sánchez destacou que, na actualidade, este itinerario representa unha das rutas xacobeas de maior popularidade grazas á súa historia, á beleza do seu trazado, á forza da memoria e ao gran patrimonio artístico e cultural que atesoura.

En relación ao Plan director do conxunto catedralicio de Tui e ao libro presentado, Rafael Sánchez explicou que é unha das iniciativas incluídas no Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, o cal centra unha das súas liñas de actuación: a posta en valor do patrimonio da Ruta Xacobea.

Segunda Ruta Xacobea

No pasado ano o Camiño Portugués foi percorrido por un total de 43.151 peregrinos, sendo a segunda Ruta Xacobea máis transitada, ao representar o 16,44% do total de peregrinos que realizaron o Camiño de Santiago no 2015. Neste ano, estas cifras van en aumento. Así, un total de 1.887 peregrinos xa escolleron o Camiño Portugués para chegar a Compostela, 150 máis que no mesmo período do pasado ano.

12 de febreiro de 2016 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.