publicidade hoxe

O viveiro de empresas de Barro-Meis inaugúrase cunhas xornadas sobre emprendemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroLocal PortadaMeisPontevedra
A-
A+
Carmela Silva na inauguración do viveiro de empresas Barro-Meis

Carmela Silva na inauguración do viveiro de empresas Barro-Meis

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado provincial de Cooperación, David Regades, inaugurou esta mañá o viveiro de empresas do polígono industrial de Barro-Meis. Asistiron tamén os alcaldes de Barro e de Meis, Xosé Manuel Fernández Abraldes e José Luis Pérez Estévez, o director xeral da Fundación para o Financiamento e Innovación Rexional (Finnova), Juan Manuel Revuelta, representantes da Fundación INCYDE (Instituto Cameral para a Creación e o Desenvolvemento da Empresa) e os presidentes das cámaras de comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. O acto de inauguración rematou cunhas xornadas sobre emprendemento que foron escollidas para clausurar, a nivel europeo, a Startup Europe Week, impulsada pola Comisión Europea para o fomento da creación de novas empresas.

A presidenta da Deputación destacou que a institución provincial “está claramente comprometida co desenvolvemento económico e a creación de riqueza na provincia de Pontevedra porque esa é a única forma de ter capacidade para poder crear emprego, o grave problema que hoxe ten a nosa sociedade”. Neste contexto a Deputación de Pontevedra está a destinar este ano un 20,5 % máis de recursos ao fomento do emprego, investindo 15,3 millóns de euros en planificar estratexias de desenvolvemento coa finalidade de fomentar o crecemento económico e o progreso social da provincia de Pontevedra.

A través do viveiro de Barro-Meis, tal e como asegurou Silva esta mañá, “queremos poñer a disposición das emprendedoras e os emprendedores espazos nos que se poidan desenvolver proxectos e impulsar ideas, pero tamén un lugar para a formación, a innovación e o asesoramento, para poder converter en realidade as iniciativas de tantas emprendedoras e emprendedores que temos na provincia de Pontevedra, grazas ás que vai ser posible a xeración de riqueza e a creación de postos de traballo”.

A Deputación conta no viveiro de Barro-Meis con 1.857 m² para a promoción económica da provincia de Pontevedra, dotados de todos os servizos para facilitar a súa implantación, distribuídos en 1.369 m² útiles en 16 naves, 288 m² útiles en 16 oficinas de 18 m², 200 m² útiles en 8 oficinas de 25 m², 4 salas de xuntas de 37 m² cada unha e 3 espazos coworking de 37 m² cunha capacidade para 12 postos de traballo. Aquí a institución provincial dará acollida, durante un ano, á empresa Eurotec Inspección SL, acompañándoa e prestándolle servizos adaptados ás necesidades do proxecto co fin de facilitar o desenvolvemento de iniciativas económicas de interese para Barro-Meis e para toda a provincia. De feito, a presidenta da Deputación e o emprendedor asinaron esta mesma mañá a cesión do espazo.

Carmela Silva quixo “recoñecer o esforzo que realizou o anterior goberno para impulsar este proxecto” e destacou que “o compromiso deste novo goberno é convertelo nun referente da análise e formación de novos nichos de actividade económica para promover o crecemento económico e a xeración de emprego na provincia de Pontevedra”. Neste sentido, hoxe publicouse no BOPPO o texto íntegro da ordenanza reguladora do servizo económico provincial dos viveiros de empresas de Barro-Meis e de Lalín.

O acto de inauguración rematou cunhas xornadas sobre emprendemento que serviron para clausurar, a nivel europeo, a Startup Europe Week. A este respecto, Juan Manuel Revuelta, director xeral de Finnova, destacou o papel da Deputación de Pontevedra, “coñecida en Bruxelas polo seu gran dinamismo á hora de presentar proxectos, polo que non nos estrañou que fose unha das dúas únicas deputacións provinciais de España que participaron na Startup Europe Week”. Revuelta aproveitou a ocasión para adiantar que a Unión Europea está a impulsar os Startup Europe Awards, a través dos cales se pretende elixir os mellores proxectos de emprendemento da Unión Europea.

A Deputación de Pontevedra está a traballar desenvolvendo unha nova liña específica de apoio a emprendedores, a maiores doutras actuacións coma o impulso do coworking nos polígonos de Barro-Meis e de Lalín, en colaboración coa Escola de Organización Industrial, e o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial CPAE 2.0, que ten por obxectivo potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través das novas tecnoloxías, aumentar a produtividade e introducir a innovación entre os autónomos e as micropemes.

25 de febreiro de 2016 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.