publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O premio “Arzuán do ano” recae no clube de fútbol Casino Sociedade Deportiva Arzúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

Arzúa engade un novo aliciente á Festa do Queixo. O Goberno Municipal vén de anunciar a creación do premio “Arzuán do ano”, un galardón que nace coa pretensión de homenaxear a aquela persoa ou grupo de persoas do municipio que teñan amosado un compromiso sobresaínte nalgunha boa causa ou ben teñan alcanzado grandes logros no ámbito profesional, cultural, deportivo, educativo…

O premio marca ademais un punto de referencia para a posta en valor do traballo ben realizado e das metas alcanzadas, motivando aos demais a esforzarse para lograr a excelencia.

O Concello de Arzúa elixiu a celebración da Festa do Queixo como a data idónea para a entrega da distinción, posto que a festa asimila uns valores moi similares aos que se toman en consideración para a elección dos premiados: un arduo traballo, vistosidade, grande esforzo, plena dedicación e moitos outros.

Para a primeira edición deste galardón, cuxa entrega coincidirá coa 41 edición da festa, o Concello de Arzúa entregará o premio “Arzuán do ano” ao clube de fútbol Casino Sociedade Deportiva Arzúa.

Unha traxectoria marcada polo éxito

Fundado o 4 de outubro de 1967, o clube comeza a súa participación na competición federada na seguinte temporada. Como Presidente da primeira Xunta Directiva foi designado o que naquela época era o médico titular da vila, Manuel Tojo Reboredo, que encabezou a iniciativa dun grupo de arzuáns nas súas aspiracións de dispor dunhas instalacións destinadas á práctica do fútbol.

Deste xeito, o Concello de Arzúa, do que entón era alcalde, Antonio Pol, acordou levar a cabo a cesión dunha parte dos terreos que se adquirirán para a construción do Colexio de Educación, baixo a condición de que se constituira un colectivo veciñal para xestionar as obras de infraestructura do que é o actual complexo polideportivo do Viso. Así, grazas á aportación voluntaria e o traballo desinteresado de moitos veciños e empresas arzuáns fíxose realidade a construcción do campo de fútbol no que se disputarían os partidos da Sociedade Deportiva Arzúa.

Con anterioridade a estes acontecementos, no ano 1953 fundarase o Casino de Arzúa, un lugar de reunión e encontro e un referente cultural para os veciños de Arzúa.

En xaneiro de 1973, esta institución, ante a necesidade de reactivar o seu funcionamento decidiu fusionarse coa SD Arzúa dando lugar ao que se coñece actualmente como Casino Sociedade Deportiva Arzúa (CSD Arzúa).

Ao longo da súa historia, en sucesivas etapas, a traxectoria deportiva do CSD Arzúa reflicte a súa participación na competición federada das ligas do Sar, Montaña, Interior e Mariñas e nas diferentes categorías a nivel provincial e autonómica (dende a terceira rexional ata a Preferente).

Na actualidade, o clube compite no grupo norte da Preferente Galicia e ocupa posto de promoción na clasificación, o que lle permitiría disputar o ascenso á categoría nacional da Terceira División.

O clube conta cun total de 498 socios de número, o que representa un total de 615 persoas (entre socios individuais e familiares), ascendendo os orzamentos previstos para a presente temporada a 100.000 euros.

A filosofía do clube é manter unha plantilla na que a maioría dos xogadores son orixinarios de Arzúa e comarca para conseguir unha maior sintonía e identificación do equipo cos seus siadeiros.

A punto de conmemorar no vindeiro ano o seu cincuenta aniversario, pódese afirmar que o CSD Arzúa convértese nun dos referentes deportivos máis destacados da comarca.

17 de febreiro de 2016 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.