publicidade hoxe

O IGVS asesorará ao Concello de Riós no desenvolvemento do parque empresarial municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiós
A-
A+

A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e Xestur, prestará apoio técnico ao Concello de Riós para o desenvolvemento do parque empresarial desta localidade ourensá, tal como acordaron o director xeral do IGVS, Heriberto García Porto, e o alcalde de Riós, Francisco Armando Veiga Romero, nunha reunión celebrada esta mañá.

Na reunión acordouse que o Executivo autonómico asesorará ao Concello no desenvolvemento do proxecto sectorial xa aprobado do que dispón Riós, motivo polo cal, unha vez que analicen a documentación achegada polo alcalde, técnicos de Xestur se desprazarán ao concello ourensán para explicar as posibilidades de viabilidade do parque empresarial e os mecanismos que pode empregar o concello para o desenvolvemento do mesmo.

Por outra parte, os responsables do IGVS explicáronlle ao alcalde as posibilidades de desenvolver vivendas de promoción pública a través do réxime concertado, que será regulado por unha normativa de próxima publicación.

As vivendas de promoción pública de réxime concertado serán construídas por promotores privados, pero deberán cumprir a mesma normativa que as que están suxeitas as construídas polo IGVS. As vivendas serán adxudicadas a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia e os adxudicatarios terán os mesmos beneficios, dereitos e obrigas que si as vivendas foron promovidas pola Administración autonómica.

24 de febreiro de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.