publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Igape destaca a mellora competitiva das empresas do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerceda
A-
A+

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe en Cerceda durante un encontro-coloquio con empresas do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) a aposta das empresas deste sector polos servizos de valor engadido, polas novas tecnoloxías e polos programas de mellora da competitividade para avanzar cara a fábrica intelixente, en sintonía coas iniciativas impulsadas pola Xunta ao abeiro da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0

Aguilera lembrou que precisamente hoxe remata o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro da convocatoria para a selección de catro proxectos colectivos, demostrativos da fábrica intelixente que se busca coa Axenda, que aposta pola integración vertical de sistemas intelixentes, que inclúe ás redes intelixentes de enerxía, á loxística intelixente, e os produtos intelixentes; unha nova colaboración interempresarial a través de plataformas globais; e os avances en tecnoloxías como a intelixencia artificial, o internet das cousas, a robótica avanzada, os novos sensores, os avances en virtualización, a impresión en 3D, e o Big Data.

Empresas do CMD están a desenvolver actualmente dous proxectos colectivos no ámbito da Industria 4.0. O proxecto Cambium, ao abeiro da convocatoria Conecta Peme da Axencia Galega de Innovación, no que participan as empresas Hermanos García Rocha, Laminados Villapol e Seistag para mellorar o seu rendemento industrial mediante o aproveitamento de restos intermedios como materia prima para novos usos. E o proxecto Lignum, impulsado por Grupo Losán e Seistag ao amparo do programa Innterconecta para desenvolver tecnoloxía e coñecemento para valorizar a madeira de eucalipto con novos usos no sector eólico.

Durante o encontro coas empresas do CMA, Aguilera destacou o amplo abano de instrumentos habilitados este ano pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a actividade empresarial. Ademais de manter os programas de préstamos directos con fondos Jeremie ou BEI para impulsar novos investimentos, a través do Igape convocáronse axudas dotadas con máis de 30 millóns de euros para apoiar con axudas novos proxectos, para facilitar a mellora da competitividade, o financiamento circulante ou a internacionalización das Pemes galegas.

O director xeral do Igape referiuse tamén á próxima reactivación do programa de servizos Reacciona, ao que se acolleron en anteriores convocatorias unha vintena de empresas do sector da madeira, compañías de silvicultura, da industria da madeira e de fabricación de mobles; empresas que apostaron por mellorar a súa competitividade co apoio da Xunta.

Neste sentido, Aguilera amosouse convencido de que as empresas do sector, co apoio e coordinación do Clúster, saberán sacar a maior rendemento posible do marco de apoios habilitado para seguir medrando e mellorando no ámbito da industria intelixente que promove a Xunta.

26 de febreiro de 2016 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.