publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Igape destaca a aposta de Strong Bull pola internacionalización con crecentes exportacións que cobren o 50% da súa facturación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTrazo
A-
A+
Javier Aguilera na visita ás instalacións

Javier Aguilera na visita ás instalacións

O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a firme aposta da empresa de Trazo Strong Bull pola internacionalización, con exportacións crecentes durante os últimos dez anos que cobren, na actualidade, o 50% da súa facturación.

Strong Bull é unha firma de enxeñaría especializada en deseño e fabricación de maquinaria especializada para a elaboración de aluminio, PVC, composite ou madeira. A compañía localizada no polígono de Chaián comezou a exportar en 2005. Na actualidade Strong Bull, que se ten apoiado no programa Foexga, coordinado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, para localizar novas oportunidades en mercados exteriores, exporta o 50% da súa facturación a áreas como a Unión Europea, Brasil, Colombia, México, Ecuador Marrocos, Alxeria, Senegal ou Nova Zelanda.

Durante a súa visita ás instalacións de Strong Bull, Aguilera salientou que, ademais de manter os programas de préstamos directos con fondos Jeremie ou BEI, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou a través do Igape nas últimas semanas axudas dotadas con máis de 30 millóns de euros para apoiar os novos investimentos, a mellora da competitividade, o funcionamento circulante ou a internacionalización das pemes galegas.

Así, o Igape acaba de activar o programa Galicia Inviste para impulsar novos investimentos das Pemes, dotado con 12 millóns de euros, e o programa Galicia Emprende, para apoiar proxectos impulsados por novos emprendedores, dotado con case 4 millóns de euros.

Por outra parte, e co obxectivo de seguir apoiando os procesos de internacionalización, o Igape activou para 2016 axudas que roldan os 10 millóns de euros para Pemes galegas que buscan incrementar as súas exportacións acudindo a feiras ou eventos expositivos en mercados exteriores, ou a través da incorporación de especialistas en comercio exterior.

1 de febreiro de 2016 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.