publicidade hoxe

O Festival de Comparsas de Entroido reunirá a dez agrupacións no Pazo da Cultura de Narón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

Un total de dez agrupacións participarán o vindeiro sábado, día 6, no Festival de Comparsas de Entroido organizado polo Padroado de Cultura de Narón. Entre as formacións participantes están seis de Narón e catro procedentes doutros concellos da comarca, tal e como indicou a vicepresidenta do Padroado da Cultura e edil da área, Marián Ferreiro. A cita festiva comezará ás cinco da tarde, cunha concentración das diferentes formacións na Praza da Constitución, no barrio da Solaina. Desde alí partirá a comitiva cara ao Pazo da Cultura, percorrendo tramos das rúas da Solaina, avenida Santa Icía, estrada de Castela e Reis Magos, para ás 18.00 horas dar comezo o Festival de Comparsas no Pazo da Cultura.

Do termo municipal naronés estarán presentes as comparsas: Troupele, Troupele, da Gándara; Argalleiros, tamén da Gándara; Os Colludos, do Alto do Castiñeiro; Semente de Trasancos, de San Mateo de Trasancos; Os Parrandolos, de Piñeiros e Os nenos de Lola, da Solaina. Sumaránse a esta cita festiva procedentes doutros concellos as agrupacións: A Revolta, de Ferrol; Os Trastos, de Valdoviño; A Canteira, de Neda e Xente de aquí e de acolá, de Pontedeume. As actuacións que se sucederán no Pazo terán unha duración máxima de dez minutos por comparsa e tratarán temas relacionados coa localidade. As tres mellor clasificadas –trala valoración do xurado das letras, dos disfraces e a calidade musical, entre outros baremos- recibirán como premio unha figura de Entroido.

No que respecta ao apartado económico, as agrupacións de Narón recibirán 600 euros en concepto de axuda, e as doutros concellos 300. A maiores destas contías, aquelas que participen no programa de dinamización do Entroido programado nos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade os días 4 e 6 de febreiro, recibirán 100 euros por día, ata un máximo de 200, tal e como recordou a edil.

A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, agradeceu a participación de todas estas agrupacións, “que un ano máis farán posible que a veciñanza poida gozar dos actos programados desde o Concello para estas datas con motivo do Entroido” e animou aos naroneses e naronesas a acudir ao tradicional Festival de Comparsas no Pazo.

1 de febreiro de 2016 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.