publicidade hoxe

O encontro entre Santiago Futsal e FC Barcelona será día do club

Restan menos de 15 días para o partidazo da 21ª xornada de Liga, no que o Santiago Futsal recibirá ao segundo clasificado da categoría e un dos mellores equipos de Europa, FC Barcelona Lassa. O club determinou que este encontro, que se disputará o sábado 20 de Febreiro ás 19h, sexa ‘Día do club’ polo que todos os asistentes (abonados e non abonados) terán que retirar a entrada previamente para acceder ao partido.

A única excepción para o acceso gratuíto será o caso dos socios, aquelas persoas que se sumaron á campaña ‘Eu Son Do Futsal’ e cuxo acceso é gratuíto os días estipulados como ‘Día do club’. Os socios, que non terán que retirar invitación para o seu acceso, dispoñerán dunha porta específica na entrada do Fontes do Sar.

O prezo das entradas para aquelas persoas non abonadas será de: 15€ entrada xeral (Adultos), 5€ xuvenil (Menores de 18 anos) e 2€ menores de 13 anos. Namentres que o prezo das entradas para os abonados maiores de 18 anos será de 5€, e os menores de 18 anos accederán de maneira gratuíta.

As entradas poñeranse á venda a partires do xoves nas oficinas do Santiago Futsal en horario de 10h a 14h e de 17h a 20h. Tamén se poderán adquirir o día do partido no despacho de billetes do Multiusos Fontes do Sar a partir das 18h.

Por outra banda, no devandito encontro poderanse adquirir as rifas para o sorteo de Santiago Futsal en colaboración con Vitaldent de 4 entradas dobres en Palco VIP para o derbi Celta vs Depor e as camisetas asinadas de ambos os conxuntos, por un prezo de 1€ a rifa.

8 de febreiro de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.